A Real Academia de Belas Artes homenaxea cun recital a Carlos López García-Picos

O compositor García-Picos dá nome ao Conservatorio municipal por iniciativa do BNG

Baixo a organización da Irmandade da Música Galega e a colaboración da Real Academia Galega de Belas Artes, o próximo venres 27 de setembro ás 20:00 h. no Salón de actos da Academia terá lugar o concerto-conferencia “GARCÍA-PICOS: OBRA COMPLETA PARA QUINTETO DE VENTOS”, un proxecto de recuperación do patrimonio musical dun dos máis importantes compositores galegos do século XX, Carlos López García-Picos.

Foi abordado coa colaboración do principal experto neste compositor: Javier Ares Espiño, doutor pola Universidade de Santiago de Compostela e autor da tese doutoral: “Carlos López García-Picos: Vida y obra” que obtivo a calificación de sobresaliente cum-laude. Este proxecto foi coeditado polo Concello de Betanzos e a Universidade de Santiago de Compostela dentro do seu programa de I+D+I (HAR2015-64024-R) “Fondos documentales de música en los archivos civiles de Galicia (1875-1951): ciudades del eje atlántico”.

Ademáis parte da financiación obtívose mediante un proxecto de micro-mecenado a través da plataforma Verkami. O proceso de dixitalización das partituras fíxose de xeito coordinado entre os membros de Zoar con Javier Ares durante o verán de 2017.

O concerto correrá a cargo do grupo Zoar, integrado por: Joan Ibáñez (frauta), David Villa (oboe), Antonio Suárez (clarinete), Benjamín Iglesias (trompa) e Álex Salgueiro (fagot) quen interpretarán Canto do arrieiro, A. 24; Preludio, Zarabanda e Fuga, A. 15; Scherzo, A. 17 e Rondó caprichoso, A. 50.

O concerto terá lugar este venres, 27, desde as oito do serán, na sede da Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1, a Coruña), con entrada libre ata completar aforo.