A Deputación presenta unha campaña de promoción da cultura como dereito, con protagonismo de artistas, profesionais do sector e cidadanía

O deputado de Cultura, o nacionalista Xurxo Couto

Máis que un vídeo promocional, unha declaración de apoio, colaboración e complicidade co mundo da cultura. Así se presenta a nova campaña de promoción da área de Cultura da Deputación da Coruña cunha mensaxe clara: o dereito social de acceso á cultura. A área de Cultura da Deputación da Coruña comeza a difusión dun vídeo no que defende que “a cultura é un dereito”. Con este obxectivo, contou coa participación dun amplo grupo de artistas e profesionais de distintos ámbitos culturais que poñen voz á mensaxe que se dirixe a apoiar o sector e a o dereito social de acceso a cultura, en calquera situación.

O actor teatral e director, Quico Cadaval, e o grupo de música Pesquedellas sobre o escenario do Teatro Colón da Coruña é o punto de saída do vídeo que a área de Cultura da Deputación difunde nas redes sociais para defender que “a cultura é un dereito” tamén en tempo de pandemia. Despois persoas e grupos de distintos ámbitos da cultura participan no vídeo que traslada unha mensaxe de ánimo ao sector e da necesidade de que a cultura continúe vive nun momento en que as limitacións impostas pola Covid estáa “cancelar” grande parte da actividade ao vivo nos últimos meses.

Ademais de Quico Cadaval, a actriz Isa Risco e o actor Miguel Pernas do ámbito das artes escénicas; os directores Alfonso Zarauza e Lois Patiño, a muralista e ilustradora Lidia Cao e a deseñadora gráfica Isabel Vila; Pesquedellas e Xacarandaina da cultura tradicional e popular ademais do Coro Cantábile; a directora da MICE, Ana Estévez, a música Belén Bermejo ou a Escola Unitaria como proxectos de xestión culturais, o grupo musical Verto ou Isma e Suso de Toro, Antía Yáñez e Antón Lopo desde a escrita literaria compoñen a nómina de participantes no vídeo promovido pola área de Cultura da Deputación da Coruña. A mensaxe que traslada o vídeo, que xa se está a difundir nas redes sociais, traslada a idea de que a cultura constrúe unha sociedade viva, dinámica, consciente, orgullosa da súa identidade e sabedora do seu potencial.

“Ao noso ver, a cultura é fundamental para a sociedade, é un dereito para todos e todas e tamén un sector de especial relevancia non só para a economía do país senón tamén para a nosa calidade de vida”, sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto que agradece ao conxunto de artistas e representantes de distintos proxectos culturais que sumaran a súa voz para defender a cultura galega nun momento crítico como o que estamos a vivir.

“O vídeo iníciase coa idea de que temos unha cultura viva, eu diría que tamén sanadora, e, nestes tempos difíciles, vital para atravesar este momento de crise sanitaria, social e económica, aire para respirar nunha sociedade que cada vez vemos máis triste”, engade Xurxo Couto. A área de Cultura da Deputación da Coruña quere, con este vídeo, facerse eco dos “obxectivos e arelas das creadoras e creadores, entidades e empresas, profesionais e cidadanía que queren que a cultura sexa viva, porque é alimento para o noso futuro”. O vídeo está accesible nas redes sociais da área de Cultura da Deputación da Coruña (@daccultura) e nas xerais da Deputación da Coruña.