A Deputación presenta as dúas obras gañadoras do Torrente Ballester

O deputado de cultura, o nacionalista Xurxo Couto, no centro da imaxe. Deputación

Na longa historia dos premios Torrente Ballester da Deputación da Coruña que se inicia en 1989, só a pasada edición as obras gañadoras ían ser dúas. Antón Riveiro Coello con “O paraíso dos inocentes” e Alex Alonso con “Granito” convenceron de tal maneira ao xurado que decidiu que as dúas merecían un premio que por vez primeira era compartido. Agora ven á luz e hoxe presentáronse na sede da Deputación da Coruña.

Na xa longa historia dos Premios Torrente Ballester de máis de tres décadas só no pasado ano foron dúas obras as gañadoras da mesma edición. Foron “Granito” de Alex Alonso (Edicións Xerais) e “O paraíso dos inocentes” de Álex Alonso (Galaxia) que hoxe foron presentados na Deputación da Coruña polos seus autores e os directores das dúas editoriais, Fran Alonso e Francisco Castro ademais do deputado de Cultura, o nacionalista Xurxo Couto.

A esta circunstancia referiuse o responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, na súa intervención ao destacar que a “alta calidade” das dúas obras fixo que o xurado optara por dar o premio ex aequo. “Temos a fortuna de contar con dous grandes autores que nos achegan a dous universos moi distantes mais que poden presumir de manexar con destreza o relato dos acontecementos, a creación da historia, a evocación de episodios singulares e de grande intensidade”, sinalou o deputado, referíndose ao famoso crime de Nigrán de xaneiro de 1994 en “Granito” de Alex Alonso e o conflito sirio e as terríbeis condicións de vida das persoas refuxiadas no caso de “O paraíso dos inocentes” de Antón Riveiro Coello. Celebrou tamén que dúas editoriais “de recoñecidas traxectorias e catálogos de altura” como son Edicións Xerais e Editorial Galaxia acolleran as obras para a súa publicación.

Xurxo Couto destacou tamén o interese da Deputación da Coruña na promoción da creación cultural coa convocatoria cada ano de premios de distintas disciplinas artísticas. Anunciou tamén que, en breve, darase a coñecer o resultado da nova convocatoria na que xa está a traballar o xurado.

Canto antibelicista e solidario

No acto interviron os dous autores e os seus editores que falaron das obras que veñen de chegar ás librarías ademais de convidar a súa lectura. “A obra desenvólvese na guerra de Siria a través dunha xornalista que informa ao mundo desde Alepo”, explicou en primeiro lugar Riveiro Coello que falou dos tres “paraísos” que dan título á obra “o dos refuxiados que converten a Europa no seu paraíso; o dos terroristas, vítimas tamén que alguén é quen de captar e que acaban atentando contra as persoas e tamén o paraíso dos que soñaron coa revolución”. Definiu a súa novela “O paraíso dos inocentes” como un “canto antibelicista e á solidariedade” que trata de traxedias particulares, baseadas na realidade que o autor coñeceu por persoas que a viviron en carne propia na súa fuxida a Europa.

Pola súa parte, o editor Francisco Castro agradeceu a celebración da presentación e fixo fincapé en que “a cultura non contaxia, é segura e é imporante que as institucións a reivindiquen porque a cultura está tamén a padecer as consecuencias da Covid19”. Con respecto á novela, apuntou que se trata dun “texto coherente coa forma de contar do autor, cos seus valores. Riveiro Coello é un dos intelectuais máis importantes do noso tempo, unha persoa comprometida e iso é o que se vai atopar nesta obra”.

A crónica do crime de Nigrán

O escritor Álex Alonso, tivo durante moitos anos na cabeza a idea de novelar o crime de Nigrán, inspirado tamén pola novela “A sangue frío” de Truman Capote, mais precisou o momento adecuado para a creación da obra pola que gañaría o Torrente Ballester. “A miña intención non era importunar á familia nin aos autores do crime, tampouco buscar as causas reais e obxectivas. A intención era literaria, porque a historia contiña ingredientes moi interesantes para iso”, explicou Álex Alonso que concibiu a historia como “unha novela de ficción, reconstruíndo os feitos a través da literatura para achegar a historia a unha suposta realidade”. Para a construción do relato do cuádruplo crime na casa dun empresario de granito de Nigrán -co asasinato do propio empresario, a súa muller, unha das fillas e a empregada do fogar- mesturou o autor “elementos ficcionais con outros supostamente reais que estaban expostos no xornal”.

“A obra conserva as calidades da sinatura de Álex Alonso, a súa frescura e capacidade de roubar a alma dos personaxes, e engade a robustez da pedra nunha novela que nos absorbe desde as primeiras páxinas”, sinalou o seu editor, Fran Alonso. “Estamos diante dunha novela que ten moito de crónica, de crónica social, de novela negra, de relato psicolóxico, de drama… moitos ingredientes que a fan profundamente rica”, apuntou director de Xerais.