A Deputación “libera” nas redes documentos do Arquivo Provincial

No mosteiro de San Domingos están a biblioteca, o arquivo, o Museo das Mariñas, a Aula CeMIT e a OMIX

A Deputación da Coruña súmase aos actos de conmemoración do Día Internacional dos Arquivos, que cada 9 de xuño trata de axudar a visibilizar o importante valor destes como parte do noso patrimonio cultural, fonte de información e memoria das sociedades pasadas.

Con motivo desta efemérides, a Deputación da Coruña comezou a divulgar a través das súas redes sociais e da web do Arquivo Provincial algúns dos documentos máis interesantes o curiosos que atesoura entre os seus fondos orixinais, comentados pola historiadora e directora do Arquivo Provincial, Carmen Molina.

Entre os documentos publicados recentemente destaca o proxecto de cárcere para a cidade de Betanzos, elaborado polo arquitecto provincial Faustino Domínguez en 1865 ou as cartas manuscritas por Juana de Vega tras a epidemia de cólera que asulagou a cidade da Coruña en 1853. O próximo documento “liberado” dedicarase á figura de Santiago Casares Quiroga, coruñés presidente do Goberno da República en 1936.

Entre os numerosos fondos documentais do Arquivo Provincial, acumulados ao longo de case 200 anos de historia, pódense atopar antigas postais e mapas, así como os proxectos orixinais elaborados por prestixiosos arquitectos e enxeñeiros para obras públicas singulares como a Casa Cuna de Ferrol, o peirao do porto de Mugardos ou Teatro Rosalía de Castro da Coruña.

Documentos de gran valor histórico

Tamén cabe destacar entre os seus fondos o Libro de Expósitos da Expedición Balmís, cos nomes e datos dos nenos que en 1803 levaron dende A Coruña a vacina da varíola a América, na que se considera a maior xesta sanitaria da historia de España; documentos relativos á visita de Alfonso XIII á Coruña; un inventario da botica do Gran Hospital de Santiago en 1880 (onde se sitúa actualmente o Hostal dos Reis Católicos), ou os centos de traballos e obras de arte cedidas ao longo dos anos polos artistas que tiveron unha bolsa da Deputación, entre os que se atopan algúns dos nomes máis importante da arte galega no último século coma Modesto Brocos, Eugenio Granell ou Isaac Díaz Pardo.

O Arquivo Provincial traballa na dixitalización dos seus fondos, co obxecto de garantir a súa conservación e de facelos accesibles a un público cada vez máis amplo. Entre os documentos xa dixitalizados están todas as actas das sesión dos plenos da Deputación da Coruña. Este ano dixitalizarase o Boletín Oficial da Provincia e diversa documentación relativa ao patrimonio provincial.