A Deputación destina 400.000 € a apoiar iniciativas de empresas do sector cultural

O deputado de cultura, o nacionalista Xurxo Couto e a de igualdade, Maria Muíño. Imaxe de arquivo.

A área de Cultura da Deputación da Coruña achega 400.000 € ás empresas culturais para o desenvolvemento e difusión dos seus proxectos a través de dúas liñas de apoio que modifican as súas bases para adaptalas á situación provocada pola Covid. Proxectos singulares de especial interese e apoio á distribución de audiovisuais en lingua galega son os obxectos das convocatorias.

A área de Cultura da Deputación, que dirixe o deputado do BNG Xurxo Couto, promove o traballo desenvolvido por artistas e empresas con dúas liñas de apoio que, desta volta, modifican as súas bases polos efectos producidos pola pandemia. Desta maneira, na liña destinada a apoiar proxectos singulares de especial interese cultural amplíase o prazo de realización ao período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de marzo de 2021 e para os proxectos que reciban subvencións superiores aos 10.000 euros, contémplase o pagamento en dous prazos. A convocatoria está dotada con 275.000 € que se distribuirán en achegas que van desde 4.500 € a 30.000 €, o 80% dos gastos subvencionábeis.

“Somos conscientes dos grandes prexuízos que o coronavirus provocou no sector cultural e agardamos que esta liña destinada a apoiar producións singulares poda contribuír a que se desenvolvan algunhas iniciativas de especial interese que se viron afectadas pola situación”, sinala o deputado de Cultura, Xurxo Couto.

Ademais, a área de Cultura da Deputación da Coruña promove tamén o apoio a empresas audiovisuais para a distribución, comercialización e exhibición en lingua galega para o que destina un orzamento de 125.000 € que se repartirán en axudas de 5.000 a 30.000 €. O obxectivo da liña de axudas é axudar a garantir o acceso a filmes, documentais e películas en lingua galega, recoñecendo a importancia estratéxica do sector audiovisual na creación cultural e tamén na normalización da lingua. “O sector botaba en falta estas axudas á distribución, existen convocatorias públicas para apoiar a produción mais non para facilitar a difusión dos proxectos audiovisuais ao público co cal esta convocatoria foi moi ben recibida e contribúe a achegar a creación ao público”, sinala o nacionalista Xurxo Couto que destaca tamén o alto nivel do sector galego mais tamén as dificultades que atopa na súa difusión.

Neste caso tamén, e como novidade, este ano, no marco das actuacións realizadas pola Deputación da Coruña para facer fronte ás consecuencias para o sector cultural da crise sanitaria ocasionadas pola COVID-19, as axudas por importe superior a 10.000 € poderán aboarse en dous prazos. Do mesmo xeito, permitirase a realización das estreas dos filmes de xeito telemático a través da súa difusión en plataformas de distribución online mediante descarga ou streaming no caso de que, a causa da pandemia, non se puideran realizar presencialmente.