A Deputación crea unha nova liña de axudas para asociacións profesionais dos distintos sectores da cultura

Festival DesConcerto na praza. Imaxe de Galiza Nova

As asociacións profesionais que representan os distintos sectores da cultura poden acceder á nova liña de axudas da Deputación da Coruña que quere colaborar no desenvolvemento das súas programacións. O orzamento da nova convocatoria é de 200.000 € e as axudas poderán ser de até 30.000 €.

Asociacións de actores e actrices, de escritoras e escritores, de compañías teatrais, ou de productoras audiovisuais que agrupen profesionais e agrupacións dos distintos sectores poderán acceder á nova liña da área de Cultura da Deputación da Coruña que nace cunha dotación de 200.000 €.

“Con esta liña de axudas queremos apoiar as programacións das entidades profesionais que, entre outras cousas, para nós son fundamentais á hora de deseñar políticas culturais e defender e promocionar os distintos sectores da cultura”, sinala o deputado de Cultura, o nacionalista Xurxo Couto.

Entidades para a profesionalización da cultura

“Nun contexto tan complexo en que se fan tan necesarias a formulación de alternativas para a promoción e difusión de contidos culturais e para o debate sobre a situación da cultura o papel que desenvolven as entidades profesionais é aínda máis necesario e importante por iso desde a Deputación da Coruña queremos apoiar de maneira decidida o seu traballo”, explica o deputado do BNG Xurxo Couto arredor dunhas entidades que teñen especial relevancia para a profesionalización da cultura.

A nova liña de axudas diríxese ás distintas entidades sen ánimo de lucro con función de representación sectorial e colectiva, a nivel galego, das persoas e ou entidades existentes nos diferentes sectores profesionais da cultura galega que poderán acceder até un máximo de 30.000 €.

Son obxecto do programa de subvencións actividades como a convocatoria e e desenvolvemento de certames, premios ou concursos. actividades de carácter formativo, elaboración, edición e difusión de contidos culturais de posta en valor do propio sector: libros; revistas, discos, filmes, exposicións…; traballos e actividades culturais de investigación, formación, análise ou debate ou actividades de posta en valor e difusión do patrimonio cultural material e inmaterial e de dinamización.