A Deputación convida ás entidades culturais a adaptar os seus programas ás esixencias do coronavirus

O deputado de cultura, o nacionalista Xurxo Couto e a de igualdade, Maria Muíño. Imaxe de arquivo.

As asociacións culturais terán oportunidade de modificar as programacións culturais que presentaron ás subvencións da Deputación da Coruña para adaptalas ás esixencias provocadas polo coronavirus. A área de Cultura, que dirixe o nacionalista Xurxo Couto, ofrece esta posibilidade para modificar aquelas iniciativas que o confinamento e as limitacións para actos públicos obrigou a cancelar.

O prazo para que as entidades culturais se presentasen ás liñas de axuda da Deputación da Coruña remataba o pasado 6 de marzo pero a Covid19 fixo que fose imposíbel realizar algunhas das actividades das programacións que concorrían á convocatoria. Por iso, a área de Cultura da Deputación da Coruña ofrécelle ás asociacións a oportunidade de modificar as súas solicitudes e adaptar os programas ás novas condicións sanitarias que impediron até agora e limitan nos próximos tempos as iniciativas multitudinarias.

“A área de Cultura da Deputación da Coruña está a adaptar todas as liñas de acción á situación provocada pola pandemia e, desta maneira, somos conscientes de que moitas actividades previstas non se poderán facer e outras serán modificadas co cal estamos axustándonos en tempo real a estas condicións”, sinala o deputado de Cultura, o nacionalista Xurxo Couto ao tempo que anuncia máis novidades da acción de goberno nesta área co fin de ser eficaz e responder aos condicionantes do momento.

En concreto, serán as liñas de subvencións FO200, FO203 e FO213 destinadas ao apoio de programas de actividades da cultura de base nas que se poderán introducir modificacións nas propostas presentadas. Son as convocatorias destinadas a entidades sen ánimo de lucro, as entidades titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas e tamén ás corais polifónicas, bandas de música populares e entidades de música e baile tradicional galego e formacións musicais de grande formato.

“Desde a área de Cultura da Deputación da Coruña consideramos que o apoio ao tecido asociativo é de vital importancia para manter o dinamismo cultural e, por iso, quixemos adaptar as nosas liñas de axuda á situación que estamos vivindo que está a afectar de maneira directa ao tecido cultural”, sinala Xurxo Couto, deputado de Cultura polo BNG.

Desta maneira, permitirase ás asociacións a reformulación das propostas de actividades tendo en conta que moitas delas serán inviábeis pola crise do COVID19. As entidades terán dez días hábiles para modificar os programas desde a recepción da notificación.