A Deputación apoia o programa “Da guerra coma arte á arte en contra da guerra” que reivindica o papel da arte galega na denuncia dos conflitos armados

O deputado de Cultura, o nacionalista Xurxo Couto, presentando o programa

Reivindicar o papel comprometido e de denuncia dos e das artistas galegos fronte aos conflitos armados é o eixe do ciclo de actividades culturais ‘Da guerra coma arte á arte en contra da guerra’, que se desenvolverá neste primeiro trimestre coordinado pola historiadora da arte Rosario Sarmiento co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña a través da liña de axudas a proxectos singulares. A iniciativa bota a andar con actividades xa programadas na Coruña, Sada, Betanzos, Oleiros, Santiago e Ferrol.

A iniciativa “Da guerra como arte á arte en contra da guerra” conta co apoio da área de Cultura da Deputación da Coruña, está organizada pola firma cultural A Forxa e coordinada pola historiadora da arte Rosario Sarmiento (www.rosariosarmiento.gal) e ten como obxectivo achegar á sociedade galega o relato da guerra a través da arte contemporánea de Galicia. O proxecto foi presentado esta mañá na sede da Deputación polo responsábel institucional da área de Cultura, Xurxo Couto e a coordinadora, Rosario Sarmiento.

O deputado de Cultura, Xurxo Couto, destacou que o proxecto ten como obxectivo, “concienciar á sociedade contra a violencia a través das obras de arte que tratan a temática da guerra e reivindicar o papel comprometido e de denuncia de grandes nomes da arte galega fronte aos conflictos armados”. Neste sentido, destacou o papel que cumpre a liña de axudas creada para apoiar proxectos de especial interese social e cultural na que esta iniciativa se axusta perfectamente, “pola súa natureza innovadora, experimental e social”

“A guerra, os seus protagonistas, os seus escenarios e as súas consecuencias ten sido na arte contemporánea un tema sobre o que moitos creadores traballaron, denunciando moitas veces os abusos, as atrocidades e a dor que sempre deixa tras de si calquera conflito armado”, explica Rosario Sarmiento. Sen embargo, “non será ata finais do século XVIII e comezos do século XIX, cando a maneira máis académica de relatar as guerras como acontecementos heroicos ou grandiosos será posta en cuestión por un artista como Francisco de Goya, que marcará a modernidade deste xénero artístico”, apunta.

Na arte galega, Ramón Parada Justel, un dos compoñentes da chamada Xeración Doente será pioneiro nesta denuncia en 1899, co cadro A familia do anarquista o día da execución, sendo un dos nosos primeiros creadores contemporáneos que se achega á temática da violencia da guerra. “O golpe de estado de 1936, coa represión, o terror e a tremenda experiencia da Guerra Civil serán claves para o posicionamento e a denuncia de moitos dos artistas que contribuirán á modernidade da creación plástica nas primeiras décadas do século XX en Galicia”, sinala Sarmiento.

Nomes como Luis Seoane, Castelao, Colmeiro, Arturo Souto e Federico Ribas denunciarán aos responsables do golpe e a dramática situación da poboación civil. Tamén Isaac Díaz Pardo, Conde Corbal, Agustín Pérez Bellas, Mercedes Ruibal, Xaime Quessada, Francisco Leiro, Jorge Castillo, Reimundo Patiño, Xavier Correa, Antón Patiño ou Caxigueiro expresarán o seu compromiso e deixarán en moitas obras a súa mirada de compromiso fronte á realidade da guerra.

Esa mirada é a que se achegará ao público da provincia coruñesa con este ciclo cultural que comprende un amplo programa de actividades e a difusión destas obras a través de diversos materiais audiovisuais e impresos, coa edición de máis de 2.000 folletos e carteis.

A Coruña, Sada, Betanzos, Oleiros, Santiago e Ferrol acollerán as primeiras actividades do programa que se desenvolve ao longo do primeiro trimestre e que se adaptará ás esixencias dos protocolos sanitarios da covid.