Un informe xurídico da Deputación avala que a competencia de desinfección dos colexios corresponde á Xunta

O CEIP Vales Villamarín. Imaxe de arquivo

A desinfección dos centros educativos públicos de titularidade autonómica para cumprir cos protocolos de prevención do Covid-19 é unha competencia da Xunta de Galicia.

Así se conclúe nun informe encargado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, ao servizo de Asesoría Xurídica da institución provincial co obxectivo de aclarar se os traballos de desinfección e limpeza dos colexios corresponden á administración autonómica ou aos concellos, despois de que moitos alcaldes e alcaldesas trasladaran á Deputación numerosas queixas por ter que estar asumindo este labor, que supón un importante sobrecuste para as economías municipais.

“Para os concellos, asumir a desinfección dos colexios varias veces ao día e incrementar as plantillas de persoal do servizo de limpeza supón un gasto moi importante”, afirmou o presidente da Deputación, que destacou que “o informe aclara que, unha vez máis, os concellos estamos asumindo unha competencia que non nos corresponde” e pediu á Xunta “apoio económico” para que os municipios podan desenvolver estas funcións “coas máximas garantías”.

O informe, que xa foi remitido aos concellos da provincia, sostén que “as medidas preventivas necesarias, ante un risco inminente e extraordinario para saúde, a fin de previr e controlar a enfermidade transmisible Covid-19, son competencia da autoridade sanitaria autonómica e, polo tanto, a súa execución corresponde a ésta”.

Asemade, o documento subliña que se a Xunta “optara por ampliar as competencias sobre conservación e mantemento de centros escolares – coa inherente carga financeira que conlevaría-, debería pór ao dispor dos concellos a correspondente provisión de medios económicos para o exercicio da mesma, de conformidade cos artigos 7 e 27 de Lei de bases de Réxime Local”.

“En modo algún pode encomendarse ás entidades locais novas funcións e responsabilidades na conservación e mantemento dos centros escolares, que son de titularidade autonómica, sen a correspondente consignación orzamentaria para financiar ditos gastos e sen a correspodente delegación de tal competencia, pois o contrario suporía unha vulneración da autonomía local constitucionalmente garantizada, así coma unha infracción da normativa básica estatal, en materia de Educación e de regulación das bases das entidades locais”, sostén o informe xurídico.

O informe da Deputación fai referencia ás distintas normativas estatais e autonómicas en materia de educación, sanidade e sáúde pública, e explicita que “o control atribuido aos Concellos debe encadrarse nunha función de vixiancia do municipio e a súa poboación, ao ser esta a administración de maior proximidade, pero en modo algún ese control pode implicar a adopción de medidas específicas, que van máis alá dunha limpeza ordinaria, as cales deben ser adoptadas e executadas pola autoridade sanitaria competente”.