Trescentas persoas contra a precariedade do PAC de Teixeiro

Un intre da concentración ante o PAC de Teixeiro

Unhas trescentas persoas, entre veciños afectados, profesionais do PAC de Teixeiro e persoal sanitario de Curtis, Aranga, Vilasantar e Sobrado responderon onte ao chamado dos facultativos do punto de atención continuada de Teixeiro e concentráronse ás portas do ambulatorio. Demandaban á Xunta que poña fin aos recortes en persoal sanitario e a deficiente cobertura actual do servizo.

Contaron co respaldo do BNG, que acudiu cunha nutrida representación encabezada polo portavoz do BNG de Aranga, Carlos Díaz, o deputado do BNG no Parlamento, “Mini” Rivas Cruz e representantes do BNG de Vilasantar, Curtis e Sobrado e doutros concellos da comarca.

“É intolerábel a situación en que o PP ten a sanidade nos catro concellos – Curtis, Vilasantar, Sobrado e Aranga- que dependen deste PAC, cunha evidente falta de persoal que ademais non se substitúe nas baixas nin nas vacacións e que queda sen atención sanitaria cando o persoal ten que saír a visitas domiciliarias”, afirmaron desde o BNG.

Os nacionalistas lamentaron que “a pesar de que segundo afirmou o goberno local de Curtis no mes de agosto, estaban negociando a varias bandas máis persoal para o PAC, o PP non cumpriu a súa palabra e situación é exactamente a mesma”.

Desde o BNG lembraron que desde o ano 2008 levan trasladando esta demanda ao Parlamento galego e que “o PP sendo consciente da situación segue mantendo nunha situación precaria o servizo médico nos concellos de Aranga, Vilasantar, Curtis e Sobrado que dependen deste PAC. Os veciños e veciñas do rural temos dereito a ter os mesmos servizos que os que viven nas cidades, se queremos manter poboación nos concellos rurais temos que ter uns servizos de calidade”.

O BNG anunciou que trasladará esta situación de novo ao parlamento galego e esixirá a cobertura das baixas e vacacións do persoal, así como persoal abondo para dar un servizo digno á poboación destes concellos.