Todos os concellos da nosa comarca perden poboación agás Miño, Sada e Coirós

Mapa de evolución da poboación no último ano nas Mariñas

O INE vén de publicar os datos do Padrón municipal correspondentes ao 1 de xaneiro do 2017, que confirman o forte devalo demográfico que sofren os concellos da nosa comarca. Só tres concellos incrementan o número de veciños e veciñas empadroados, Miño, Sada e Coirós.

Abegondo. É o concello que máis poboación perdeu o pasado ano con 66 veciños menos empadroados, isto a pesar do gasto en valos publicitarios á entrada da cidade da Coruña co famoso lema Abegondo quérete.

Aranga. Perde de novo poboación con 47 veciños e veciñas menos continuando así o importante devalo das últimas décadas. En xaneiro deste ano contaba con 1935 veciños empadroados mentres que no ano 1998 eran 2448. No concello de Aranga ata o de agora concedían unha axuda de 1 000 euros por cada nacemento aínda que agora esta axuda está en proceso de modificación.

Bergondo. O Concello de Bergondo perde tamén poboación neste caso 33 veciños e veciñas, baixando aos 6623 habitantes empadroados. Aínda así na proposta de PXOM que o Concello está a piques de enviar á Xunta propoñen a construción de 2800 novas vivendas, un 50% máis das vivendas actuais de Bergondo.

Betanzos. A cabeceira comarcal segue co seu devalo poboacional, perde este ano 25 habitantes situandose en 12941 habitantes. A pesar da campaña ‘Betanzos tan cerca’ que orixinariamente estaba deseñada para incrementar a poboación aínda que rematou convertida nunha especie e campaña turística, a poboación segue decrecendo en Betanzos.

Coirós. Un dos 3 concellos que aumentou en poboación, concretamente aumentou en 12 o censo de persoas empadroadas que se sitúa en 1801 habitantes. Coirós situase entre os poucos concellos que ademais aumentaron en poboación nas últimas décadas, no ano 1998 contaba con 1553 habitantes. O ano pasado o concello entregou, nun acto onde o propio alcalde entrega o cheque, 14700 euros en axudas ao incremento da maternidade.

Irixoa. Perde 8 habitantes o último ano, e continua co devalo poboacional. Conta na actualidade con 1361 persoas empadroadas. Conta con axudas ao nacemento de 1500 euros para as parellas que teñan ou adopten un fillo/a.

Oza-Cesuras. O primeiro concello fusionado do País en 30 anos, segue perdendo poboación, este ano nin máis nin menos que 48 habitantes menos. Situandose nos 5133 habitantes e a piques de baixar a barreira dos 5000 habitantes que xustificaba o goberno galego é a que fai sostible económicamente un concello. Lonxe quedan as expectativas de medrar en poboación grazas a fusión de concellos.

Paderne. Perde 4 habitantes o pasado ano, e ten na actualidade 2441 persoas empadroadas.

Miño. É outro dos concellos que gaña poboación da nosa comarca con 73 persoas máis empadroadas desde o ano anterior e colocándose xa nos 5905 habitantes. Parece que a xustificación lóxica a este incremento de poboación debe ser a vivenda barata en Costa Miño Golf que fai de foco de atracción para persoas que compran ou alugan a súa primeira vivenda, aínda que ao mesmo tempo sitúa o concello á beira da bancarrota.

Sada. O Concello que máis poboación gaña con 92 habitantes máis o pasado ano, a cabalo entre a nosa comarca e a da Coruña parece asemellarse mais desde o punto de vista demográfico á comarca coruñesa que en xeral gaña poboación en todos os concellos.

Vilarmaior. Perde 11 habitantes, pese a atoparse pegada á Miño non segue a evolución poboacional deste concello e situase nos 1249 habitantes.

O resto de Concellos do partido xudicial perden tamén poboación como Monfero (-34 habitantes), Curtis (-12 habitantes), Vilasantar (-34 habitantes) ou Sobrado (-35 habitantes).