Tabaques, o primeiro núcleo sen habitantes de Betanzos

As Tabaques, no Google Maps

A crise demográfica que atravesa o país, o avellentamento poboacional, a falta de servizos nas aldeas e as poucas saídas laborais para a actividade agraria baleiran cada ano un par de ducias de aldeas en Galicia. O fenómeno, que arrecia nas provincias de Lugo e Ourense, chega tamén ata nós.

Tabaques, en Bravío, á beira do Mendo, é a primeira aldea betanceira en quedar oficialmente sen habitantes. O último censo rexistra a desaparición dos catro veciños que ata hai pouco residían neste núcleo de cinco vivendas que noutrora foi lugar de moenda de trigo e millo para os fornos brigantinos.

Non é o único caso na comarca. Segundo as cifras que baralla o INE, Bergondo rexistra O Bosque sen residentes e Abegondo, Gobia. En Aranga, nos núcleos de A Fraga, O Painzal, A Costa e A Carballeira xa ninguén reside e en varios outros está censada tan só unha persoa. Unha realidade que se repite nos núcleos coirosanos de Mende, O Pataqueiro e Flores, e nos de O Ciao, Padernelo, A Mourente, A Airoa do Rei, Ensalde e A Hedrada en Irixoa.