Suben a 13 os positivos de covid-19 en Bergondo, con 19 contactos en seguemento

O Concello de Bergondo actualizou onte a súa información sobre casos confirmados de covid-19 no municipio. Trátase do único concello da comarca que fai públicos de forma periódica estes datos para informar á veciñanza e que poida ter presente a situación sanitaria do municipio e evite unha falsa sensación de seguridade que leve a prácticas de risco.

Segundo os datos publicados polo consistorio, hai 13 casos positivos confirmados de Covid-19- tres máis que a pasada semana-  e 19 contactos que están a ser analizados. De entre eles, segundo a información que recolle La Voz de Galicia, un sería unha persoa interna da residencia El Pilar.

Ao tempo, o consistorio lembraba a necesidade de cumprir escrupulosamente as medidas de prevención e autoprotección de lavar as mans con frecuencia, gardar a distancia de seguridade interpersoal e levar a máscara.

O bergondés é o único municipio da comarca que fai públicos estes datos. Sábese, por información do propio centro, que o Centro Pai Menni, de Betanzos, ten actualmente unha persoa usuaria con diagnóstico positivo da covid-19 e o resto das persoas internas en observación e que ten restrinxidas as visitas. Segundo o rotativo de Sabón publicaba onte, ademais, hai dous traballadores deste centro que diron positivo. Mais é o único dato sobre a situación sanitaria na capital comarcal.

Porén, a pasada fin de semana o diario La Voz de Galicia publicaba os datos por municipios que o goberno galego se nega a facer públicos- a diferencia doutras moitas comunidades autónomas que ofrecen os datos da pandemia a nivel municipal. As críticas á Xunta pola opacidade nestes datos é unha constante e centraron o Día do Dereito a Saber, conmemorado o 28 de setembro.