O BNG levará ao Parlamento a situación do Vertedoiro das Pías, en Sobrado

Un intre da visita de Rivas

O deputado nacionalista, Xosé Luís Rivas “Mini”, visitou o emprazamento do vertedoiro das Pías, en Sobrado dos Monxes. Desde o BNG anuncian que levarán ao Parlamento galego diversas iniciativas ante “a preocupación existente en relación coa contaminación das augas fluviais derivadas dos residuos e da xestión deste vertedoiro, que xa no pasado estivo en entredito”, explicou Mini Rivas.

Desde o BNG destacan que “á vista do emprazamento deste vertedoiro, situado entre os ríos Tambre e Mandeo, e tendo en conta que a montaña de residuos non para de medrar mentres hai sospeitas da existencia de lixiviados é normal que se xere unha importante preocupación social, pois destes ríos extráese auga para consumo humano ademáis de seren importantes enclaves ecolóxicos e culturais que cómpre preservar” sinalou o deputado nacionalista.

Cabe lembrar que este vertedoiro, ubicado na antiga canteira das Pías, recolle actualmente os residuos urbanos procedentes da Coruña e da súa área metropolitana, e que a súa xestión xa foi posta en entredito. “Dos iniciais residuos inertes que anunciaron que habería neste vertedoiro, comprobamos agora como se poden atopar residuos moi diversos desde plásticos pasando por metais e residuos orgánicos” salientou Rivas.

Desde o BNG plantexan “a necesaria toma de medidas en favor dunha nova cultura na xestión de residuos e da auga” explicou Mini Rivas, quen, engadiu “esixímoslle á Xunta de Galiza que urxentemente informe á veciñanza de que tipo de residuos se están a almacenar no vertedoiro das Pías nestes momentos e que se tomen medidas para garantir que actividade deste vertedoiro non afecte aos cursos de auga cercanos” concluíu o deputado nacionalista.