A Deputación licita por 62.000 euros a reparación da cuberta do claustro de peregrinos do Mosteiro de Sobrado

Mosteiro de Sobrado dos Monxes

A Deputación da Coruña publicou hoxe na Plataforma de Contratación do Sector Público a licitación das obras de reparación integral da cuberta do claustro de peregrinos do mosteiro de Sobrado dos Monxes, que contan cun presuposto de 62.065,11 euros

As empresas interesadas en participar na licitación poden presentar as súas ofertas a través da Plataforma ata o 24 de setembro. As obras consistirán na reparación das cubertas das alas sur, este e oeste do claustro, que presentan un elevado grao de deterioración debido ao paso do tempo e á falta de mantemento, e que supoñen un perigo evidente polo continuo desprendemento das tellas nun lugar cunha afluencia constante de visitantes. Ademais, o mal estado da actual cuberta produce filtracións de auga no interior do mosteiro que se resolverán unha vez completados os traballos.

Estas obras completarán as reformas xa levadas a cabo pola Deputación na ala norte que da acceso ao claustro e suporán a renovación integral da cuberta con tella vermella de cerámica curva, de similares características á existente na actualidade.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o prior da orde cisterciense de Santa María de Sobrado, Carlos Gutiérrez Cuartango, asinaron o pasado mes de xullo o convenio polo que a Deputación da Coruña financiará estes traballos, que contribuirán a manter o inmenso valor patrimonial do mosteiro de Sobrado, o único monumento da nosa provincia, xunto á Torre de Hércules, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco.