A Xunta electoral suspende unha cea en Sobrado organizada polo alcalde en campaña electoral

Elisardo Santos (PSOE) é o alcalde de Sobrado

A Xunta Electoral de Zona de Betanzos vén de darlle a razón ao BNG ante a denuncia presentada pola organización nacionalista en relación co Bando publicado desde o Concello de Sobrado, no cal, ao día seguinte da convocatoria das Eleccións municipais, Lisardo Santos anunciou a celebración dunha cea o vindeiro 30 de abril, pagada con diñeiro público, e que incumpre a todas luces a normativa electoral.

Desde o BNG sinalan que “Lisardo Santos considera ao Concello de Sobrado ‘o seu cortello’ e intenta mercar a vontade das veciñas e dos veciños cunha comedela indecente, para conseguir o seu voto nas próximas eleccións. É o caciquismo, a forma que entende este alcalde de facer política” explicaron.

“O alcalde de Sobrado fai un bando para convidar con fondos públicos, co diñeiro dos veciños e das veciñas, a unha ‘papatoria’ para a xente, en lugar de empregar o diñeiro en servizos e obras moi necesarias que a xente leva tempo demandando e que nestes anos nada fixo por levalas a cabo” destacan desde o BNG.

Na resolución da Xunta Electoral de Zona estímase por completo a denuncia do BNG, acordándose a orde de suspensión da mesma. Malia que aínda cabería recurso do Concello de Sobrado ante a Xunta Electoral Provincial, desde o BNG destacan que “este é xa un gran paso para tirarlle a careta de cacique a Lisardo Santos e comezarmos a construír un Sobrado para as veciñas e veciños, no que prime a transparencia e a democracia” concluíron desde o BNG.