A Deputación financia a reforma do acceso ao mosteiro de Sobrado

Mosteiro de Sobrado dos Monxes

A Deputación financiará, a través do POS+, a reforma do acceso principal ao mosteiro de Sobrado, a praza do portal da localidade. A praza ten unha superficie de 3.400 metros cadrados, que serán reordenados dotándoa de novas pavimentacións acordes co entorno e vaos peonís adaptados a persoas con dificultades visuais.

As obras pretenden mellorar a imaxe da zona, así como a súa funcionalidade, accesibilidade e seguridade neste treito, que coincide co Camiño de Santiago. Ademais, os colectores de lixo, actualmente en superficie, irán soterrados e instalaranse pasos de peóns nos cruces entre os itinerarios de peóns e vehículos, para mellorar a seguridade.

O proxecto inclúe tamén a instalación de novo mobiliario urbano acorde co entorno e bolardos con luces LED que iluminen o percorrido nas horas nocturnas e delimiten ao mesmo tempo as zonas de tránsito. As obras terán un custe de 150.000 euros e serán financiadas cos fondos que Sobrado recibe cada ano a través do Plan Único.

A Deputación sufraga a reparación do claustro dos peregrinos

O ente provincial financiou, ademais, a reparación integral da cuberta do claustro de peregrinos do mosteiro de Sobrado dos Monxes, que contan cun presuposto de 62.065,11 euros. Estas obras completarán as reformas xa levadas a cabo pola Deputación na ala norte que da acceso ao claustro e suporán a renovación integral da cuberta con tella vermella de cerámica curva, de similares características á existente na actualidade.