Pontón pide en Sada concentrar no BNG o voto de quen queiran concellos transformadores

Ana Pontón no acto de Sada

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, demandou onte en Sada concentrar no BNG o voto de país e das persoas que queren proxectos transformadores nos concellos.

“Hai que concentrar no BNG todo o voto de país, nacionalista e galeguista, e todo o voto das persoas que queren gobernos municipais transformadores e políticas sociais e de progreso, tendo en conta que cada voto será decisivo para construír concellos que avance, pero tamén será decisivo para abrir un tempo novo en Galiza dándolle o finiquito a Feixóo”, argumento Pontón.

A líder nacionalista puxo como aval para facer esta apelación aos votantes o modelo municipal de éxito do Bloque, capaz de construír concellos que se converten en referentes no medio rural e no urbano. “No BNG xestionamos ben, con eficacia e solvencia, pero temos algo que os demais non teñen: un proxecto transformador que mellora vilas e cidades, permite avanzar en calidade de vida, aporta dinamismo económico e social e orgullo do propio”.

Amosouse convencida de que o BNG terá un gran resultado o 26M porque é unha forza á alza e, ademais, “hoxe somos maioría as persoas que queremos unha Galiza mellor, que xa está en marcha, pisando forte desde os concellos que lidera o nacionalismo”. Por iso, as eleccións municipais son tamén unha oportunidade “para seguir avanzando na Galiza que queremos, aberta, inclusiva, con pensións e salarios dignos, un país con calidade de vida e igualdade”.

En Sada, pediu o apoio para que a candidata Isabel Reimundez lidere o próximo goberno municipal, “unha muller nova, preparada, con experiencia e cun equipazo, por iso, hai que saír a por todas, a gañar este partido. É tempo de mulleres nacionalistas e feministas, e tempo de que Sada teña a primeira alcaldesa”, recalcou.

Pontón fixo referencia a que o modelo BNG tamén ten como sinal de identidade a defensa da “dignidade” do pobo galego e a recuperación da memoria histórica, razón pola que seguirá loitando con máis forza desde o futuro goberno de Sada para recuperar para este concello o patrimonio roubado polo franquismo, até conseguir que o Pazo de Meirás volva o seu lexítimo dono: a veciñanza de Sada.

Acto Sada “Sobran motivos para encher as urnas coa papeleta do BNG nas eleccións municipais e europeas do 26M, porque votar BNG é votar futuro para este país”, concluí.

Ilegalización da Fundación Franco

No mitin, a eurodeputada e candidata nas eleccións europeas, Ana Miranda, denunciou a “irrelevancia política” do Estado á hora de defender os intereses de Galiza, “o que fai necesario que este país teña unha voz propia en Bruxelas que dea a cara polos seus sectores produtivos, por cuestión como a rexeneración da ría do Burgo e do conxunto das rías galegas, un voz en contra da involución e contra o franquismo sen Franco”.

Ana Pontón e Ana MirandaDe feito, lembrou, o BNG pediu ante o lexislativo da UE a ilegalización da Fundación Franco que xestiona o Pazo de Meirás para a familia do ditador. “Seguiremos defendendo o fin dos privilexios do franquismo, a devolución do patrimonio roubado ao pobo galego e a ilegalización dunha fundación que é unha anomalía e, mesmo un esperpento democrático”.

O traballo feito demostra, indicou, que o Bloque é unha forza “eficaz e fiable” na defendas dos intereses dos galegos e das galegas tamén ante as institucións comunitarias, fronte ao “desleixo” das forzas estatais en calquera das súa franquías.