O PP de Sada critica a decisión da Xunta do PP sobre as Brañas

Unha vista das brañas de Sada

O PP de Sada teima en que as Brañas sadenses e o entorno do río Maior non son unha zona de risco de inundación. A pesar de que todo este espazo urbanizado é solo roubado á auga. E a pesar de que a Xunta resolveu que si o é, porque se ten inundado nos últimos anos e se prevé que a situación se manteña.

Así, cuestiona a decisión da Xunta de Galicia de contemplar a zona como de risco de inundación e asegura que desestimar as súas alegacións- que pedían, basicamente, non declarar inundable a zona polo suposto prexuízo para o negocio inmobiliario no entorno- “conlevará un atraso na solución do problema”.

“A solución ao problema terá que esperar como mínimo a 2021 para empezar a exporse”, sostén a formación nun comunicado. O PP apela tamén ao “prexuízo directo” que supoñerá a declaración para os veciños e vaticina que imposibilitará o cambio de localización previsto para o centro de saúde porque “a parcela prevista non será apta para edificalo”.