O Parlamento volve a exixir a Sánchez que recupere a titularidade pública de Meirás

Ocupación simbólica do pazo de Meirás. Foto do facebook do BNG

Os catro grupos parlamentarios acordaron onte demandar ao Goberno español que recupere a titularidade pública do Pazo de Meirás, que permanece en mans dos herdeiros de Franco, e anular os títulos nobiliarios de ‘ Ducado de Franco’ e ‘Señorío de Meirás’.

Segundo informa EFE, un ano despois de que a Cámara lexislativa galega aprobase tamén por unanimidade a reclamación ao Goberno de iniciar a demanda civil contra a familia Franco para recuperar o Pazo, situado en Sada, os grupos volveron a reclamar que se activen as medidas pertinentes.

“Ante a falta de resposta do Goberno de España e transcorrido case un ano” da proposta, o Parlamento de Galicia acordou “reiterar” a súa petición para que se inicien “de maneira urxente acciónelas pertinentes”, sinala o texto.

Así mesmo, a resolución evidencia o rexeitamento ao uso que se fai dese inmoble, catalogado como ben de interese cultural pola Xunta, para “facer apoloxía do franquismo”.

A resolución foi presentada polo BNG e o deputado Luís Bará considerou que supón a “proba do algodón para o PSOE” xa que debe demostrar se realmente está disposto a “acabar con esta infamia” do “roubo de bens públicos por parte da familia Franco”.

O parlamentario do BNG lamentou que o executivo central “non cumprise coas demandas e as esixencias aprobadas neste Parlamento”, xa que aínda que supostamente o Goberno de Pedro Sánchez “tiña preparada a demanda” para solicitar a recuperación do Pazo, alguén “no último momento mandou parar” esa iniciativa.

“Ante esta situación, o novo Goberno “debe decidir se vai xogar ao márketing coa memoria histórica ou vai actuar con valentía e coraxe” porque a loita a favor da memoria histórica “non pode quedar só na exhumación”, dixo Bará.

Así mesmo, cargou contra unha sentenza do Tribunal Supremo que acordou suspender a exhumación dos restos mortais do ditador, cunha argumentación marcada por un ” tufo ideolóxico franquista que tira para atrás” coa que “a familia Franco sente protexido”, remarcou.

En base a iso, o BNG insiste na urxencia de tomar medidas de maneira “urxente, porque o tempo corre a favor da familia Franco”.