O GALP Ártabro sur organiza unha xornada sobre contaminación mariña

Vista aérea da ría coa beira mariña de Sada en primeiro termo

A contaminación da ría segue de actualidade na comarca. Á controversia que xeneran os vertidos desde a rede municipal en Betanzos e o peche e apertura ao baño de praias segundo arroxan uns resultados ou outros as analíticas da Xunta ven sumarse agora unha xornada técnica.

O vindeiro día 30 o salón de plenos do Concello de Sada, baixo a organización do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Golfo Ártabro Sur, acolle a xornada “Por un mar de vida e oportunidades”.

Trátase dunha xornada divulgativa en horario de mañá que contará con expertos e profesionais de diferentes actividades relacionadas co mar. Está confirmada a participación de técnicos das entidades públicas Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar e do Instituto Tecnolóxico para ou Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), que abordarán o reto que supón a redución e a eliminación dos plásticos na actividade marítima.

Outro dos asuntos que se tratarán na sesión é o aproveitamento dos plásticos usados no mar como unha oportunidade para o emprendemento dos traballadores deste sector, para o que a empresa Ecoembes e as rederas da localidade de Corme expoñerán a súa experiencia na reutilización de materiais como boias ou restos de redes para elaborar bolsos, colares e obxectos artesanais.

O terceiro bloque temático da xornada consistirá nunha mesa de experiencias na que participarán as entidades Mar de fábula, Nauga e Auga sen pegada, a primeira das cales desenvolve traballos de limpeza na costa mediante unha inspección visual á que segue unha recollida de plásticos. Tras o seu transporte, procédese á almacenaxe e clasificación dos materiais.

Os interesados en participar na actividade poderán inscribirse na páxina web de Golfo Ártabro Sur.