Empeza o xuízo polo contrato no Concello de Sada do que foi portavoz da Marea de Betanzos

Pérez Novo, segundo pola esquerda, e Óscar Benito Portela (segundo pola dereita) nunha faixa de En Marea no Campo. Betanzos Novo, arquivo

O Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 da Coruña ten sinalada para o vindeiro xoves 25 de febreiro a vista do recurso da adxudicación da praza de técnico da administración xeral de urbanismo e medio ambiente no Concello de Sada, segundo informou o PP.

A Fiscalía, que estimou o escrito remitido pola Unión Sindical Obreira USO, apreza indicios de prevaricación administrativa na actuación do rexedor sadense, Benito Portela (SadaMaioría), neste procedemento selectivo segundo afirma o PP sadense. Engaden os conservadores, ademais, que o Ministerio Público tería pedido unha investigación polo penal.

O PP asegura que, de anularse a contratación de Hipólito Pérez Novo, a secretaría tería advertido de que todos os informes por el asinado serían nulos, o que podería dar lugar a “novas consecuencias e responsabilidades”.

“Chámanos a atención que Benito Portela actuase segundo o que criticaba ao seu antecesor no cargo, ao que lle pedía a súa dimisión en cada momento, respecto a a contratación dunha coordinadora” declaran desde o PP de Sada. Para os conservadores, “Portela quería unha persoa afín con firma de funcionario, para xunto cos informes externos que contrata, montar expedientes paralelos aos dos funcionarios e habilitados nacionais, cuxo criterio legal non sempre coincide cos intereses da Marea”.

O pasado mes de novembro, o PP de Sada denunciaba que “Benito Portela convocou unha praza en comisión de servizos o pasado 21 de outubro, á que acudiu un único candidato, que foi seleccionado por un ano, prorrogable por outro máis”.

Benito Portela, alcalde de Sada. Foto do Concello

“O “azar” quixo que o seleccionado acha sido o candidato á alcaldía de Betanzos pola marea local, Betanzos Novo, en 2015 e 2019. Ao non alcanzar en 2015 o seu obxectivo traballou no Concello da Coruña da man de Xulio Ferreiro. En 2019 non obtivo representación” apuntaba o PP resumindo, ao seu xeito, o currículum de Hipólito Pérez Novo, que foi director da APLU.

“Sen dúbida, Portela elixiu a unha persoa afín e con experiencia en asuntos de reposición da legalidade urbanística. O tempo dirá se foi seleccionado para traballar en resolver os problemas, ou en dilatalos” abundaban desde a dereita.

O PP sadense recomenda ao rexedor “actuar coma se estivese en funcións, aínda que el a outros xa lle pediría a dimisión, e non embarcarse en proxectos, actitudes e actuacións que poidan ser irreversibles ou condicionar o labor dun suposto sucesor no cargo”.

“Respecto a a adxudicación do posto de urbanismo, as nosas noticias son que as propostas iniciais do alcalde para cubrir a praza, foron rexeitadas polos habilitados nacionais, dado que el contemplaba cubrir o posto de administración xeral previsto na RPT cun técnico da administración especial, que non se axusta, e que o modo de selección era inicialmente unha entrevista, e logo unha baremación persoal de méritos” aseguraba o PP nun comunicado de prensa.