Carlos Babío: o home que vai conseguir a devolución das Torres de Meirás

A que fora vicepresidenta da Deputación polo BNG, Goretti Sanmartín, co documento de cesión de Meirás ante o investigador Carlos Babío, que documentou o proceso

Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio (Fund. Galiza Sempre, 2017) é un libro. Pero é algo máis. As tapas de cartoné esconden o proxecto de toda unha vida de calmada pescuda, portazos de administracións que custodian arquivos públicos e a historia dun drama en primeira persoa. Escrito a catro mans canda Manuel Pérez Lourenzo, outro historiador da vila de Sada, o libro profundiza nos recantos escuros da controvertida campaña que rematou por agasallar a Franco co pazo de Meirás.

Carlos Babío Urkidi (Sada, 1967) é o seu outro autor. Ten contado, nos actos de presentación da obra, que comezou a traballar a fondo no volume tras abandonar a primeira liña política. Foi o primeiro concelleiro do BNG sadense, co que estivo na Corporación durante 12 anos, e asumiu tarefas de apagalumes en áreas candentes no goberno que os nacionalistas lideraron en Sada dúas veces en coalición, contra o exalcalde Ramón Rodríguez Ares, “Moncho”, contra o que o azar e os tribunais quixeron que se volva ver as caras agora.

O libro veuno rescatar para a primeira liña política, se é que esta é tan só é ocupar cargos públicos, porque el nunca se foi. Dúas décadas de activismo pola devolución do Pazo de Meirás así o acreditan. E Babío volveu, en postos de honra, aos postos máis visibles co BNG: primeiro como candidato ao Parlamento Europeo e agora ao Parlamento de Galicia, en medio de leas xudiciais e polémicas cos Franco a conta dos contidos do libro. El non perde o sorriso nin altera o motor diesel do que parece equipado para rebatir unhas e outras.

A súa obra está a ser clave para o xuízo que estes días se desenvolve sobre a titularidade pública dun pazo, o de Meirás, regalado ao Xefe do Estado e no que o Estado realizou cuantiosos investimentos. A investigación de Babío e Lourenzo resultou fulcral para fundamentar o detallado informe xurídico da Deputación sobre a adquisición simulada das torres que foran da Pardo Bazán e é tamén esencial no informe da Xunta e a demanda do estado español. A pesar de que, cando foi presentado, Meirás: Un pazo, un caudillo, un espolio mereceu a censura da manipulada TVG dun Feijóo que acabou subíndose á demanda tempo despois.

Pero o libro é tamén historia contada en primeira persoa. A da súa propia familia, unha das que perdeu as propiedades para engrosar a finca do Pazo de Meirás, entre as coaccións do réxime franquista. A do medo, a dunha historia contada en voz baixa décadas despois de todo aquilo. E a da tenacidade, papel a papel, arquivo a arquivo para poñer, negro sobre branco, a historia non contada detrás da historia oficial. A que bota por terra o conto dunha doazón espontánea froito da adhesión aos golpistas.

Eis o motivo de tantas denuncias recibidas. Sen perder o sorriso, co temple que lle deu a súa profesión, a retranca galega e sen subirlle revolucións ao motor, está a piques de conseguilo. Non como viganza na memoria dos avós, errará quen vexa iso detrás desta magna obra. Como reparación a tantas persoas desposuídas do seu polos prohomes do réxime, parapetados nun agasallo para medrar. É unha historia real, de dignidade humana, de dereitos civís, de reparación a tantas persoas represaliadas e desposuídas, pisoteadas.

Carlos Babío está a piques de logralo. De lograr un imposible. Sen perder o sorriso e sen alterar o pulso.