A Deputación congratúlase de que o seu informe xurídico sexa a base para recuperar o Pazo de Meirás

Ocupación simbolica de Meirás demandando a súa devolución

A Deputación da Coruña aplaude a demanda presentada polo Goberno Central para recuperar o Pazo de Meirás como ben público como final dun proceso que iniciara a elaboración do seu informe xurídico que abría ese camiño como máis eficaz para lograr o obxectivo. Nese sentido, a Deputación dirixírase hai un ano a Patrimonio Nacional e á Dirección Xeral de Memoria Histórica para que iniciaran as accións xudiciais.

A Deputación da Coruña dirixírase a inicios do mes de agosto de 2018 á Dirección Xeral de Memoria Histórica para iniciar accións xudiciais para recuperar o Pazo de Meirás como ben público, documentando por medio dun informe xurídico e outro histórico que o contrato de compra por parte de Francisco Franco fora simulado xa que o inmoble era utilizado desde tempo atrás como sede da Xefatura de Goberno.

Neste sentido, o informe xurídico encargado pola Deputación da Coruña e elaborado por un equipo dirixido polo profesor da Universidade de Santiago, Xabier Ferreira, abría o camiño para reclamar o inmoble por vía xudicial desde o Goberno Central ao demostrar que pasara a mans de Francisco Franco a través dun acto de compra-venda ficticio xa que entón xa funcionaba como residencia de verán do Xefe do Estado.

Ademais dos informes xurídico e histórico, a Deputación da Coruña dirixiuse ao Goberno central para que iniciase con carácter de urxencia o procedemento xudicial ao demostrar documentalmente que a compra foi simulada. Os informes probaban tamén o desvío de fondos desde Patrimonio Nacional para o Pazo de Meirás, para o mantemento do inmoble como para subministrar alimentos e outros útiles para a familia do ditador nas súas estadías de verán. Na documentación incluíase a constatación dunha partida orzamentaria destinada ao Pazo de Meirás que demostraba que funcionaba como residencia de verán do ditador.

Os informes foron resultado dun proceso que a Deputación da Coruña iniciou hai agora dous anos, no verán de 2017, cando adoptou acordos plenarios ao respecto e promoveu a constitución da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás na que participaron, ademais de institucións como os concellos de Sada e A Coruña, entidades da recuperación da memoria histórica e representantes das Universidades e da Casa Museo Emilia Pardo Bazán.

O BNG saúda que o Estado reclame o Pazo de Meirás, mais agarda que a expectativa non acabe en burla

O BNG considera positivo que, por fin, o Goberno central interpuxera unha demanda xudicial para recuperar o Pazo de Meirás e conseguir que sexa devolto ao seu lexítimo dono, que é o pobo de Sada. Sen embargo, advirte que é preciso non baixar a garda e manter tanto a presión social como a política ante uns herdeiros do ditador que xa demostraron a capacidade que teñen para impoñer as súas teses ante a Administración de Xustiza.

“É un paso adiante, un paso positivo, pero non está todo logrado senón que depende do percorrido que a Xustiza lle dea á demanda presentada polo Goberno do Estado e, polo tanto, convén estar alerta e que haxa unha gran mobilización social e unha gran demanda política para que a expectativa que abre esta demanda chegue a bo porto”, salientou Luís Bará autor do proxecto de Lei de memoria histórica presentada polo BNG e portavoz nacionalista no Parlamento neste materia, na que é experto.

Neste sentido, -indicou-, “o Bloque vai manterse alerta e vixiante para evitar que esta expectativa se converta nunha decepción e nun fracaso, porque pode darse o paradoxo de que se recoñeza a estafa e a apropiación indebida pero que, polo tempo transcorrido, se lle recoñeza a propiedade á familia Franco. Iso sería unha auténtica estafa e unha nova burla por parte do franquismo e dos seus continuadores”.

Por iso, o BNG considera que hai que ir máis alá e pide ao Goberno do Estado “valentía para facer todas as modificacións legais para que se recoñeza estes feitos como o que foron: un xigantesco espolio e un roubo ao pobo galego de bens que son propiedade pública, para que non dependa todo unicamente da decisión da Xustiza porque sabemos da capacidade da familia Franco para litigar e utilizar todos os mecanismos que están ao seu alcance para conseguir que triunfen as súas teses”, alertou.

En nome da formación nacionalista, Bará tamén considera importante recoñecer o traballo, a implicación e a loita de moitas entidades, colectivos e persoas a título individual que teñen adicado tempo, esforzo e talento para acabar cos privilexios do franquismo incluíndo a devolución do patrimonio espoliado, con mención especial a dous nomes propios: Goretti Sanmartín na súa etapa como vicepresidenta da Deputación da Coruña, poñendo o apoio institucional a favor da loita de recuperación da memoria histórica e do patrimonio roubado; e Carlos Babio, historiador e escritor, autor do libro Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, cuxo inxente labor de documentación “permitiu coñecer ao detalle o proceso de apropiación do pazo por parte do ditador”. Pero tamén a institucións como a Asociación da Coruña de recuperación de memoria histórica, á Xunta pro devolución do Pazo de Meirás, entre outras.

Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio.