A AC Suárez Picallo e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica poñen bolsas para o curso de verán sobre Meirás

Ocupación simbolica de Meirás

A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña anuncian, as persoas que se queiran matricular no curso de verán que organiza a USC en Sada, poden optar a unha das 10 bolsas de 70 € cada unha que sufragan entre as dúas entidades e que se cubrirán por rigorosa orde de solicitude.

Para iso, deberán dirixirse ao correo electrónico comisionsuarezpicalloARROBAgmail.com ou ao teléfono 665 801 557 solicitando a axuda e se lles dará resposta no momento informando acerca da dispoñibilidade de bolsas. O prazo para solicitalas comeza o xoves 27 ás 16:00 h. e concluirá o mesmo día que o de matriculación no curso, o 5 de xullo.

O curso “Arredor de Meirás: historia ou presente?” celebrarse entre os días 16 e 19 de xullo na Casa da Cultura Pintor Lloréns, no marco da Universidade de Verán 2019. As xornadas están organizadas polo Grupo de Investigación Hispona baixo a dirección do profesor Emilio Grandío.

A actividade conta co patrocinio do Concello de Sada e coa axuda da Deputación da Coruña. Estrutúrase en catro xornadas nas que se abordarán, mediante ponencias, mesas redondas e a visita guiada ao Pazo, diferentes aspectos do Pazo de Meirás, como o proceso polo que rematou sendo propiedade de Francisco Franco, a súa utilización como residencia oficial do Xefe do Estado ou os debates xurdidos a partir da morte do Dictador en relación á súa titularidade.

Tamén se afondará en cuestións como a utilidade social dos espazos de memoria e as políticas públicas levadas adiante sobre este tema. O obxetivo das xornadas é posibilitar un espazo de reflexión e debate sobre a natureza do franquismo e as súas consecuencias sociais e culturais no presente.

Matrícula no web da USC

As persoas interesadas en matricularse poden facelo ata o 5 de xullo na web da USC, na que tamén poden consultar o programa. O curso conta con 2 créditos ECTS recoñecidos.