Sada denuncia novamente aos Franco por incumprir o réxime de visitas a Meirás

Ocupación simbolica de Meirás reclamando a súa devolución

Sada denunciou diante da Xunta o incumprimento do réxime de visitas ao Ben de Interese Cultural (BIC) do Pazo de Meirás. A Xunta, a administración que ten que garantir a visita durante catro días ao mes dos BIC de titularidade privada, terá que decidir novamente sobre este asunto. O municipio xa denunciara na pasada lexislatura varios incumprimentos.

A concelleira de turismo sadense, a nacionalista Laura Rodríguez, explicou que pedirán ao goberno Feijóo que impoña á Fundación Francisco Franco- que xestiona as torres de Meirás- a sanción económica máis alta posible polo reiterado incumprimento dos horarios de visita do pazo de Meirás.

A edila do BNG considera que a Xunta debe ter presente, como agravante, a “continuidade e persistencia” da infracción, xa que asegura que todos os anos “vulnera os dereitos dos visitantes”, que aparecen recollidos na Lei do Patrimonio Cultural Galego.

Segundo a concellería de Promoción Económica, Turismo e Emprego, os problemas para visitar o pazo increméntanse nos meses de xullo e agosto, nos que hai unha maior demanda, posto que o teléfono para efectuar as reservas deixa de funcionar ou remite a un contestador automático co que resulta imposible solicitar a visita.

O BNG denuncia ante a ONU ao Estado Español por manter a Fundación Franco

Concentración en apoio aos 19 de Meirás no Campo durante a súa declaración no xuízo promovido polos Franco

O BNG anunciou onte, ademais, que denunciará ante a ONU ao Estado español por vetar o acceso a documentación pública e privada sobre a ditadura franquista e pola existencia de fundacións ligadas ao franquismo, “un anacronismo en Europa”.

A eurodeputada nacionalista Ana Miranda criticou que no Estado español conviven oito fundacións franquistas- Fundación Francisco Franco, Fundación José Antonio Primo de Rivera, Fundación Pro Infancia Queipo de Llano, Fundación Blas Piñar, Fundación Hijas de Millán Astray, Fundación Ramiro Ledesma Ramos, Fundación Serrano Suñer e Fundación Capitán Cortés. “Este feito de que existan oito fundacións franquistas máis a imposibilidade de acceder a documentos que estabelece a Lei de Memoria Histórica lévanos a presentar unha denuncia nas Nacións Unidas””, salientou Miranda, quen lembrou que o Parlamento Europeo aprobou unha Resolución contra o avance do neofascismo en Europa, da que é coautora, que insta a prohibir as fundacións e asociacións que fan apoloxía do fascismo e nazismo “porque son antidemocráticas e atentan contra a memoria das vítimas”.

Respecto á denuncia presentada na ONU, da que en setembro se saberá se é aceptada, explicou que este proceso se leva a cabo mediante un mecanismo denominado de revisión universal de dereitos humanos, que se presenta cada catro anos. “Hai catro anos Nacións Unidas fixo unha serie de recomendacións, entre as que figuraba o acceso á verdade”, sinalou, en concreto o punto que afirma que “se deben facilitar mecanismos institucionais para o esclarecemento da verdade”.

Criticou asemade que este esclarecemento da verdade “non se puido facer” e incluso “atopamos unha serie de limitacións para acceder a documentos públicos e privados en relación co franquismo”, tal e como lle ten acontecido ao historiador Carlos Babío nos seus traballos de investigación, “cunha negativa de accesos incluído o Arquivo do Reino de Galiza”. Sinalou asemade que as fundacións franquistas ”teñen documentos relativos a moitas das persoas represaliadas e non se nos facilita o acceso para poder investigar”.

“O informe de Nacións Unidas recoñece que é grazas a investigadores e historiadores que se realiza ese traballo”, subliña Miranda, ao tempo que destaca que a denuncia parte do traballo realizado por Carlos Babío e Manuel Lorenzo materializado no libro libro “Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio”, a súa vez auspiciado polo entón presidente de Galiza Sempre, Francisco Jorquera, actual portavoz nacionalista no Concello da Coruña.

O anuncio dos nacionalischas produciuse no transcurso dunha comparecencia diante da coruñesa Casa Cornide- que de ser sede do consistorio herculino pasou tamén a mans dos Franco nun proceso con moitos paralelismos co pazo sadense. Neste caso, tamén os Franco presentaron unha demanda contra os activistas que despregaron na balconada unha faixa reclamando a devolución da vivenda.  “Este é un novo exemplo do mundo ao revés que se vive no Estado español. Cidadáns que loitan de xeito democrático e de xeito pacífico para denunciar a impunidade do franquismo e o espolio que practicaron os Franco teñan que sentarse no banquillo dos acusados mentres os Franco seguen actuando con total impunidade”, criticou Jorquera.