Sabes quen son os candidatos da comarca que vas votar nas eleccións do vindeiro domingo?

O pasado venres ás 12 da noite deu comezo a campaña electoral das eleccións xerais do vindeiro 10 de novembro. A pesar de que as principais forzas españolas apenas invisten recursos materiais nesta atípica campaña, si apareceron algúns cartaces coa cara do presidente en funcións, Pedro Sánchez, e de algunha outra formación. Aparentemente só o BNG está a facer unha campaña convencional, con material propagandístico e un acto público onte no Matadeiro. Aparentemente, porque as forzas estatais levan en campaña desde abril en todos os medios de comunicación.

Isto solapa a propia realidade de que son outras persoas as que encabezan as candidaturas nas provincias, que son a circunscrición electoral. Nestas eleccións o que votamos son as persoas que representarán a provincia da Coruña no Congreso e no Senado. E de Betanzos preséntanse 4 candidatos a estas eleccións.

O PSOE presenta como candidato ao Senado a Antonio Vazquez Lorenzo, que foi concelleiro de Urbanismo e Casco Histórico, Infraestructuras e Medio Ambiente, Transportes e Contratación do goberno municipal socialista. Vazquez Lorenzo concelleiro desde hai décadas e senador na lexislatura fallida que foi de abril a outubro deste ano, foi presentado como a renovación do grupo socialista no Senado, no que só repite Pilar Cancela.

O PP presenta como candidato ao Congreso a Jose Angel Rodríguez Prieto, actual portavoz municipal e candidato á alcaldía nas municipais de 2015,que cedeu este posto a Cecilia Vázquez. Na candidatura conservadora ao Congreso aparece tamén a portavoz do Partido Popular de Bergondo, Silvia Vazquez Cardelle que como Rodríguez Prieto tamén cedeu para as municipais o seu posto de cabeza de cartel ao que fora líder de veciños de Bergondo Manuel Fafian.

Por último tamén o BNG leva unha veciña de Betanzos na súa candidatura ao Congreso. A actual responsábel comarcal da formación e candidata á alcaldía de Abegondo, Cristina López. A betanceira Noelia Pedreira, que desapareceu da actividade política en Betanzos tras postularse por esta formación á alcaldía e non lograr representación, volve figurar na candidatura dun Podemos á baixa.