Reclaman á Deputación que retire o título de “Hijos Adoptivos” a 35 persoeiros franquistas, Fraga incluído

Simboloxía franquista nunha rúa de Betanzos

O Colectivo de Presos e Presas na Ditadura presentará un informe á Deputación da Coruña na que pide que se lle retire o título de “Hijos Adoptivos” a 35 cargos e militares franquistas, entre eles, o ex presidente da Xunta e ex ministro con Franco, Manuel Fraga. Este mesmo colectivo presentaba en decembro de 2018 o manifesto “Non queremos ao camarada Fraga como Fillo Adoptivo”, apoiado por 50 historiadoras e historiadores. Despois desta iniciativa, o Pleno de Ferrol aprobaba o 25 de abril de 2019 retirar a Manuel Fraga a distinción de Fillo Adoptivo e o Pleno da Coruña de 6 de maio de 2019 tamén aprobaba iniciar o expediente para a retirada da distinción de Fillo Adoptivo da Coruña, concedida hai 50 anos, o 24 de decembro de 1968.

Tamén Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG-PSOE manifestaba o seu apoio a estes dous acordos plenarios destacando que esas distincións foron concedidas na ditadura. Con todo, Manuel Fraga aínda é Fillo Adoptivo da provincia da Coruña, de Santiago e doutros concellos de Galicia.

No documento que presentará este colectivo figuran, ademais de Fraga, o xeneral golpista Enrique Cánovas Lacruz, a quen o Concello da Coruña xa retirou esa distinción hai 10 anos. Tamén José Antonio Girón de Velasco, falanxista e ministro na ditadura, e Constantino Lobo, xeneral golpista, a quen o Concello das Pontes, do que é alcalde Valentín González Formoso, retirou hai dez anos as distincións, pero que conservan a de “Hijo Adoptivo e Predilecto de la Provincia” no organismo provincial.

Tamén está Salvador Moreno Fernández, almirante golpista, así como os catro principais militares golpistas, que organizaron a sublevación na Coruña o 18 de xullo de 1936 e Enrique Salgado Torres, falanxista e participante na represión, a quen o Pleno de Ferrol xa lle retirou a súa rúa no Pleno de 2 de marzo de 1981.

Betanzos mantén distincións tamén a moitos deles

Betanzos acordou retirar en 2014 as honras públicas só a oito persoeiros do réxime franquista. A proposta do goberno do PSOE foi unicamente retirar o título de Fillo Adoptivo e Medalla de Ouro a Francisco Franco e as medallas da cidade a Fernando Fuentes Villavencio, Ramón Ferreiro Rodríguez, José Antonio Girón de Velasco, Blas Pérez González, Carlos María Rodríguez Valcárcel, Ramón Laporta Girón, José Luis Solís Ruiz e Julio Pérez Salas.

Fraga, e Lobo Montero, entre outros exministros e altos cargos franquistas, como Martín Ballestero, comparten tamén honras públicas en Betanzos. Xunto con algúns outros persoeiros locais, como Emilio Romay, Tomás Dapena ou Juan Jesús García Iribarne, son un total de 16 de persoeiros franquistas que suman medallas de prata e bronce da cidade, títulos de fillos predilectos ou adoptivos- segundo naceran ou non no municipio- e nomean rúas e vías públicas, ademais de figurar noutras pracas e recoñecementos.

O goberno do PSOE negouse a retirarlles os recoñecementos en cumprimento da Lei de Memoria Histórica. Con iso, sostiveron en varias ocasións, está cumprida a Lei de Memoria Histórica en Betanzos, onde xugos e frechas persisten nas vías públicas. Tan só foi retirada a que presidía o edificio de extensión agraria, no Carregal, por orde do exconselleiro nacionalista Suárez Canal.