Quen aspira a representar á nosa comarca no Parlamento e no Senado?

 

Vista da Ría de Betanzos

Vista da Ría de Betanzos

Hoxe ás 12 da noite dará o pistoletazo de saída unha nova campaña electoral de novo para as cortes xerais, só 6 meses despois das anteriores. De novo, carteis, mitins e megafonías. Mais quen aspira a representar á nosa comarca? Ata cinco das persoas candidatas son da comarca de Betanzos: tres ao Congreso dos Deputados e dous ao Senado.

O PSOE incluíu no número catro da súa candidatura ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña a Diego Fernández, integrante do goberno local de Betanzos onde ocupa a carteira de persoal e economía. Anteriormente foi asesor na Deputación provincial de A Coruña.

Os outros dous candidatos da comarca ao Congreso dos Deputados chegan desde a vila de Sada e na lista do BNG-Nós Candidatura Galega, a plataforma electoral que agrupa ao BNG e outras forzas como FOG ou o PCPG. O segundo lugar desta candidatura é para Isabel Martínez-Risco Valdivieso, unha coñecida actriz, graduada en pedagoxía teatral que ademais é unha das caras máis coñecidas da Plataforma en defensa da ría que se ven mobilizando contra o falso túnel de Fontán e a extracción de area do fondo de Lorbé.

O outro candidato que esta lista presenta ao Congreso desde a nosa comarca é Manuel Presas Navarro, un armador e mariñeiro do cerco con barco listado en Sada. Presas foi un dos lideres da acampada dos cerqueiros ante San Caetano e saltou aos medios o pasado verán cando negou a autorización ao exalcalde de Sada, o popular Ernesto Anido, para subir ao seu barco para a procesión do Carme.

As candidaturas para o Senado desde a nosa comarca chegan desde o PP e BNG-Nós Candidatura Galega. Os conservadores sitúan ao seu portavoz municipal, José Ángel Rodríguez Prieto, como segundo suplente de Paula Prado del Río, a exedila compostelá que dimitiu tras as revelacións da trama Pokémon. Rodriguez é graduado en marketing e publicidade, técnico en operacións de vo e de transoporte marítimo e navegación tras a súa formación castrense.

Na mesma posición, segunda suplente do rexedor de San Sadurniño polo BNG Secundino García figura Cristina López na lista de Nós-Candidatura Galega. É licenciada en Humanidades, funcionaria da Xunta e responsable comarcal do BNG.