Queixas da Anpa de Cesuras polo trato na piscina de Betanzos

Exterior da piscina municipal

A Asociación de Nais e Pais (Anpa) do colexio Forte Bragade de Cesurasdenunciou o “trato recibido” na piscina municipal de Betanzos e a nula “intención de solucionar a situación” que fixo que, logo de máis de trinta anos levando a estes escolares a cursos de natación nestas instalacións, agora van solicitar este servizo noutra piscina.

O Anpa explicou que todos estes anos os nenos acudían no mesmo horario e condicións á piscina de Betanzos pero o primeiro día de actividade informáronlles de que para o grupo de Cesuras só se permitiría o acceso a cinco adultos, que terían así que facerse cargo de 22 nenos, quince entre 3 e 8 anos. “Todos os pais protestamos dado que non é de recibo que adultos prácticamente descoñecidos tivesen que cambiar e duchar aos nosos nenos”, subliñaron desde o colectivo de pais e nais.

Representantes da Anpa indicaron que tiveron varias reunións co concelleiro de Deportes de Betanzos e o xerente da empresa concesionaria da piscina e pediron por escrito a normativa da piscina, que aínda non recibiron. Tamén lles reclamaron o pago do primeiro mes de actividade, ao que os pais sinalan que están á espera da factura, que pediron por e-mail.