Que tipo de máscara debo mercar?

Coa obrigatoriedade de uso de máscara no transporte público, moita xente que non adquirira ante a pandemia da covid-19 unha máscara viuse ou verase obrigada a comprala. Dado que no mercado existen diversos tipos, o goberno español ven de editar unha guía para orientar na adquisición deste novo complemento para o noso vestiario. No manual distínguense tres modelos diferentes: máscaras hixiénicas, máscaras cirúrxicas e máscaras EPI.

Máscaras hixiénicas

Son as máis axeitadas para as persoas que estean sas, xa que “son un complemento ás medidas de distanciamento físico e hixiene recomendadas polo Ministerio de Sanidade”. “Adoitan estar compostas por unha ou varias capas de material téxtil e poden ser reutilizables ou dun só uso” e “cobren boca, nariz e queixo”, explica o documento.

En canto á duración das reutilizables, “o fabricante indicará o número máximo de lavados”, aínda que despois deste momento non se pode garantir a súa eficacia. Recomendan, ademais, non utilizala durante máis de catro horas por comodidade e hixiene e substituíla se se humedece ou se deteriora.

A guía aconsella tamén prestar atención á etiquetaxe e comprobar que faga alusión á norma UNE, que “asegura o cumprimento dun estándar de calidade”. Nel ademais atoparemos o nome do produto, a súa duración (reutilizable ou non), talla, instrucións sobre a súa colocación e uso, material do que están feitas e como e cantas veces pódese lavar no caso de que se poida volver utilizar” abunda o documento.

Segundo a guía de Consumo, este tipo de máscaras poden atoparse en calquera establecemento, mais salientan que toda esta información debe figurar igualmente nas adquiridas online. “Se non está envasada, a información deberá figurar nunha etiqueta sobre o propio produto ou nun folleto que se entregará ao comprador”, explica a guía.

Máscaras cirúrxicas

Son as que teñen como obxectivo evitar a transmisión do virus por parte de sanitarios, enfermos ou casos sospeitosos. “Están deseñadas para filtrar o aire exhalado. A súa misión é protexer a quen está á túa ao redor, evitando a dispersión vírica ao esbirrar, toser ou falar”, indica a guía.

Poden ser de tipo I ou de tipo II segundo a súa Eficacia de Filtración Bacteriana ( EFB). As segundas tamén “poden ser resistentes a salpicaduras (sangue e outros líquidos biolóxicos) se se denominan IIR”. Esta información debe aparecer na etiquetaxe, xunto á súa certificación europea (CE) e á referencia á norma UNE. O documento aclara que aínda que non teña esta última especificación, pode protexer fronte á Covid-19, xa que pode seguir outras normas. Con todo, se non aparece ningunha “non pode garantir un nivel de protección”.

A súa duración tamén depende do fabricante, e como no caso anterior deben cambiarse cando estean sucias, húmidas ou se deterioraron e recoméndase non utilizala durante máis de catro horas. Doutra banda, o manual advirte de que estes produtos poden ter data de caducidade.

Poden atoparse en calquera establecemento, pero estas deben ir debidamente embaladas para a súa venda, e “só as farmacias poden vender máscaras cirúrxicas individualmente sen envasar e deben fornecerse nun formato que garanta a súa protección fronte á contaminación antes do seu uso”.

Máscaras EPI

Son as únicas que supoñen verdadeiros Equipos de Protección Individual ( EPI) e “recoméndanse fundamentalmente para o seu emprego por profesionais para crear unha barreira entre un risco potencial e o usuario”, aínda que “tamén poden estar recomendadas para grupos vulnerables por indicación médica”, sinala a guía. A súa finalidade última é “filtrar o aire inhalado evitando a entrada de partículas contaminantes no noso organismo”, e dependendo “da súa eficacia de filtración poden ser de tres tipos: FFP1, FFP2, e FFP3. Pola súa banda, aquelas con filtros contra partículas divídense en P1, P2 e P3”.

Do mesmo xeito que os dous modelos anteriores, a súa duración depende do fabricante, e debe substituírse unha vez se deteriore, ensucie ou humedeza. Na etiquetaxe indicarase se a máscara é reutilizable ( R) ou se pola contra debe tirarse no correspondente separador do lixo, coas cautelas indicadas polas autoridades, despois de ser utilizada ( NR).

Xunto a estas indicacións deberán aparecer tamén as certificacioness correspondentes, o europeo (CE) e o de cumprimento da normativa UNE, aínda que “existen outras certificacións válidas temporalmente durante a crise da Covid-19. Estas máscaras deben estar previamente autorizadas”. Poden comprarse en farmacias, establecementos especializados e grandes superficies, aínda que se pide encarecidamente non adquirilas, xa que son as que necesita o persoal sanitario.

E que máscaras deben utilizar os nenos?

A guía indica que “os nenos e nenas que estean sans e teñan tres anos ou máis deberán utilizar máscaras hixiénicas “acordes a cada rango de idade”, para o que hai dispoñibles tres tallas entre os tres e os 12 anos. No caso de menores afectados por Covid-19, con síntomas ou asintomáticos positivos, “deben usar preferentemente máscaras cirúrxicas ou hixiénicas con espe- cificación UNE”.

A guía lembra que é importante que un adulto supervise a colocación, o uso e a retirada das máscaras.

Como se coloca a máscara?

O manual ofrece ademais unha guía para colocarse correctamente a máscara e que a súa eficacia sexa a maior posible. En primeiro lugar, é necesario lavar as mans entre 40 e 60 segundos antes de tocala, e despois collela só polas gomas dos extremos. Despois, debemos colocala sobre o nariz, boca e queixo, asegurándonos de que non se forman grandes ocos entre a máscara e o rostro, e pasar as gomas polas orellas.

Por último, dobrar a pinza nasal  para que quede ben axustada ao rostro. É importante evitar tocar a parte externa da máscara, e recomenda lavarnos as mans xusto despois se o facemos.

Para retirala, lavar previamente as mans, sacala tocándoa só polas gomas e metela nunha bolsa de plástico. Pechar a bolsa e depositala no lixo. Cando finalizásemos este proceso, deberemos volver lavarnos as mans.

Limpeza das máscaras e uso das artesanais

A guía desaconsella a utilización das máscaras submarinas “como barreira para reducir posibles contaxios” de coronavirus, e non garante a eficacia das artesanais xa que “os materiais e métodos de confección cos que se elaboran estas máscaras son moi diversos” e poden non estar certificadas.

Ademais, afirma que non é recomendable darlle a volta a unha máscara, xa que “isto non aumentará a súa durabilidade ou eficacia”, e subliña que a máscara debe axustarse ben ao nariz e cubrir o queixo, se non “non terá a eficacia que debe”.

En canto á limpeza das máscaras, Consumo indica que está sinalado nas instrucións de produto, e que facelo doutro xeito pode danalo. Así mesmo lembra que o Ministerio de Sanidade publicou os métodos de lavado capaces de eliminar o virus (lavar a máis de 60 graos as prendas na lavadora, empregar solución de lixivia diluída ao 1%,..).