Piden o arquivo da causa ao rematar as declaracións dos “19 de Meirás”

Imaxe da concentración de onte diante do xulgado de Betanzos

Unha nova concentración onte diante do Xulgado de Betanzos pediu axilidade ao Estado para recuperar o pazo de Meirás e o arquivo da causa contra os 19 simpatizantes do BNG que participaron na toma simbólica do inmoble do pasado agosto de 2017.

O xulgado tomou xa declaración aos 19 denunciados pola familia Franco e a Fundación Francisco Franco e o seu avogado avanzou onte que pedirá o sobresemento da causa aberta por un acto “simbólico e pacífico” . O avogado da familia, en declaracións á Sexta, matizou que o proceso se atopa o dilixencias previas e que aínda non se pediron penas para os denunciados.

O Parlamento Europeo aproba a resolución impulsada polo BNG que pide a ilegalización da fundación Franco e en apoio aos 19 de Meirás

A Eurocámara aprobou tamén onte a resolución impulsada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, en representación do grupo Verdes-ALE sobre o avance do neofascismo en Europa, con 355 votos a favor, 90 en contra e 39 abstencións. Esta aprobación abre realmente a porta á ilegalización da fundación Francisco Franco, xa que no artigo 20 do documento urxe aos Estados Membros que prohiban as asociacións e organización que fan apoloxía do fascismo e do nazismo.

“Esta é unha gran noticia para Europa, para a democracia e para o respecto aos dereitos e as liberdades”, subliñou Ana Miranda tras a votación da resolución.  No tocante ás emendas resultou aprobada asemade a referida á denuncia presentada pola Fundación Franco contra o grupo de 19 activistas pacíficos que ocuparon simbolicamente o pazo de Meirás para defender a devolución deste inmoble. Igualmente saiu adiante a emenda que insta a retirar os restos do ditador Francisco Franco do Val dos Caídos e suprimir os símbolos franquistas.