O Entroido de Samede viaxará a Bulgaria malia suspenderse o Festival Internacional de Máscaras de Pernik

Entroido de Samede. Foto do blog do Entroido de Samede

O Entroido de Samede era o único representante da Península Ibérica no Festival Internacional de Máscaras de Pernik (Bulgaria).  O certame é a manifestación máis prestixiosa de Bulgaria e dos Balcáns de xogos populares e costumes tradicionais con máscaras. Celébrase, desde 2008, a última fin de semana de xaneiro, sendo o máis atractivo o desfile de dous días dos grupos de disfraces do país e a presentación dos grupos de países estranxeiros. Por tradición, no concurso do festival participan máis de 5000 persoas de máis de 90 grupos de disfraces de todas as rexións etnográficas de Bulgaria e convidados de Europa, Asia e África.

Mais nesta ocasión, o concurso do entroido de Samede como representante das tradicións mascaradas ibéricas podería quedar en oficioso. As autoridades víronse na obriga de suspender a 29ª edición, programada de 24 a 26 de xaneiro, por mor das restricións da auga na rexión —ante a falta de subministro do embalse de Studena— e os consecuentes riscos que a súa calidade representaría.

O Entroido de Samede, que leva varios anos de recuperación tras esmorecer case por completo e é o único entroido tradicional conservado en Galiza fóra dos ourensáns, tiña todo listo. Ata os billetes de avión que non poden recuperar. Por este motivo, a última fin de semana de xaneiro esta aldea de San Xiao de Vigo, en Paderne, quedará case baleira: irán igualmente a Bulgaria.

Fálase dun desfile oficioso. Nada que, en todo caso, non sirva para dar a coñecer internacionalmente este entroido recuperado a pulso pola veciñanza e para dar que falar de Samede e os seus Policarpio, bonitos, vixigueiros e máscaras.