Denuncian a destrucción de varias mámoas en Adragonte

Estado da mámoa. Roxín Roxal

A Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal lamenta e denuncia publicamente os danos sufridos por varios enterramentos megalíticos que foron recentemente afectados por unha corta de eucaliptos nas parroquias de Adragonte e Vigo. Estas mámoas, que se atopan sen catalogar e non aparecen polo tanto no PXOM municipal nin nos rexistros autonómicos.

Concretamente, advirten dos danos acaecidos nos túmulos de Porto dos Carros e Monte da Rampla 1 na parroquia de Santiago de Adragonte. Nestes dous casos a corta de eucaliptos foi recente e produciu danos evidentes. A segunda destas mámoas xa se atopaba parcialmente destruída pola construción dunha estrada.

Ademais, viuse afectada tamén outra mámoa en Cal do Pico, xa na parroquia de San Xulián de Vigo, mais situada a poucos metros das anteriores. Neste caso a corta non foi recente e novos eucaliptos están a medrar por riba dela.

“Estes monumentos megalíticos, que foron descritos polo Grupo de Arqueoloxía Terra de Trasancos e dados a coñecer no Anuario Brigantino de 2015, atópanse nunha zona rica en xacementos, próxima ao impresionante núcleo de mámoas do Monte de San Antón, xa no termo municipal de Irixoa, co que fan conxunto” advirten desde a ACLP Roxín Roxal.

Necesidade de posta en valor

“Estas últimas mámoas, ao contrario que as de Paderne, atópanse coidadas e visibles nunha zona onde se combinan as explotacións forestais e gandeiras” explican.

“A conservación e posta en valor dos monumentos megalíticos, á parte do seu valor histórico e identitario, débese converter nun recurso cultural de primeira orde nun concello onde a aposta polo sector turístico de calidade debe ser clave” abundan.

Roxín Roxal dirixirase aos responsábeis autonómicos e municipais para que estes inestimables elementos patrimoniais sexan catalogados e postos en valor, co que se tratará de evitar o seu deterioro e se asegurará a súa conservación para as futuras xeracións.