Oza debatirá unha iniciativa do BNG para levar á Fiscalía os sobreprezos na tala do sanatorio de Cesuras

Unha vista de arquivo do sanatorio, ubicado no lugar do Paraxón

Unha vista de arquivo do sanatorio, ubicado no lugar do Paraxón

O BNG de Oza dos Ríos vén de rexistrar no Concello unha moción solicitando que se depuren responsabilidades e se dea traslado á Fiscalía sobre a tala no parque do Paraxón. “Á vista dos tres informes independentes realizados por enxeñeiros podemos concluír que os prezos pagados polo concello non se corresponden coa realidade e non hai razón obxectiva que xustifique ese incremento” informou Estefanía Busto, voceira do BNG en Oza dos Ríos. “Polo tanto, pensamos que o Concello debe dar traslado do tema á fiscalía para que se depuren responsabilidades”.

“As veciñas e veciños de Oza e Cesuras debemos saber como se gastan os cartos públicos, é por iso que desde o BNG solicitamos que se dea traslado dos informes técnicos á Fiscalía para que se lles dea o curso necesario” explicou a portavoz do BNG. “Non nos parece admisíbel que o Concello asuma que existiu un sobrecusto e non tome ningunha medida ao respecto. Como a xuntanza cos técnicos que elaboraron os proxectos foi hai máis dunha semana e non volvemos saber nada vímonos obrigadas a pedir que se tomen medidas”.

“Desde o BNG pensamos que as persoas responsábeis deste sobrecusto, pagado con cartos públicos deben asumir as súas responsabilidades, tanto patrimoniais como penais”, concluíu Busto. “Entendemos que o goberno local ten que ser escrupulosamente correcto nos gastos que asume con cartos públicos, xa que é escandaloso que se consintan sen máis capítulos irregulares como o da tala do parque do sanatorio de Cesuras”.

“O alcalde non estaba na xuntanza á que nos convocaron cos técnicos que elaboraron os informes. Parécenos que queda claro o interese que ten o goberno local por depurar responsabilidades neste tema cando nin tan sequera participa nas xuntanzas sobre o tema. Do goberno local so participou o concelleiro cuxa empresa familiar estaba contratada para extraer a madeira”, indicou a voceira nacionalista.