PSOE e BNG reproban a publicidade de Cacheiro ofrecendo “urbanismo á carta”

Pablo González Cacheiro (PP) é o alcalde de Oza-Cesuras

A carta do alcalde de Oza-Cesuras, o popular Pablo González Cacheiro, pedindo aos seus veciños que cubran un formulario que remitiu a todas as casas pedindo calificación urbanística á carta para os seus predios soliviantou á oposición.

A escasos dous meses das eleccións municipais, o goberno local invita aos residentes a “indicar os seus preferencias en canto ao tipo de chan no que queden incluídas as súas propiedades” no plan xeral.

BNG: “O Plan Xeral é o deseño do futuro do concello non son as cartas aos reis dos promotores”

Estefanía Busto é a concelleira do BNG en Oza-Cesuras

O BNG criticou o modelo urbanístico do PP, que entende por participación no deseño do PXOM, que cada quen estableza a ordenación que considere para as súas fincas. “Pensamos que hai que establecer unhas normas urbanísticas que deseñen un modelo de concello sustentábel e ordenado e non utilizar como criterio que cada quen propoña que ordenación quere para as súas fincas”, criticou a portavoz nacionalista, Estefanía Busto. O BNG defendeu que se deseñe un PXOM sustentábel e centrado na realidade dun concello rural como Oza-Cesuras e que teña en conta as súas necesidades de solo dotacional para asentar futuros servizos públicos.

A nacionalista cualificou de irresponsabilidade esta ocorrencia do goberno local do PP que “en lugar de establecer uns criterios lóxicos sobre as necesidades reais de vivenda, servizos públicos e cara a onde debe medrar. O concello está centrado en vender favores e atender a intereses particulares máis que colectivos para facer clientelismo”, engadiu Busto.

O BNG pediu ao alcalde que non faga electoralismo con algo tan sensible como o PXOM e o futuro de Oza e Cesuras. “Nos comprometémonos a facilitar unha participación real da veciñanza sobre o modelo de concello”, engadiu Busto, e recordou os retrasos na redacción do novo PXOM que debía unificar o planeamento dos dous concellos e que 6 anos despois da famosa fusión seguen mantendo planeamentos diferentes. “O Plan Xeral é o deseño do futuro do concello non son as cartas aos reis dos promotores inmobiliarios”, concluíu.

O PSOE cuestiona que o alcalde dea “publicidade enganosa”

Pilar Pedreira é a voceira do PSOE

En termos similares pronunciouse o outro grupo da oposición, o PSOE. Para Pilar Pedreira, o PXOM é prexisamente para “deixar a un lado” os intereses particulares e planear racional e ordenadamente un concello.

Cualifica a carta do alcalde de “publicidade enganosa” e reproba que o PP pretenda obter réditos electorais tras esgotar o mandato sen informar de ningún avance na redacción do PXOM.