Oza-Cesuras prohíbe eventos na Reitoral de Cis tras unha investigación da Xunta

Antigo mosteiro de Cis. Imaxe da Xunta

Tras as denuncias de agrupacións de hostaleiros contra edificios que acollían vodas e eventos de maneira irregular, a Administración comezou a actuar. A xunta de goberno local de Oza-Cesuras acordou pechar a Reitoral de Cis, establecemento emprazado no antigo cenobio da mesma localidade, logo das investigacións da Xunta.

O edificio, incluído no catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, foi obxecto de obras en parcelas catalogados como solo rústico para construír un pavillón duns 230 metros cadrados para acoller os eventos, ademais de instalacións auxiliares para o seu uso hostaleiro sen a preceptiva licenza municipal. Os responsables trataron de legalizar as instalacións mais a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural tería detectado danos ao patrimonio arqueolóxico a causa das actuacións realizadas nas obras.

A Reitoral de Cis, aberta na que fora casa reitoral da igrexa parroquial, dedicada a San Nicolao – que á súa vez foi parte do antigo mosteiro de San Salvador de Cis, do século XII e declarado BIC- funciona como establecemento de turismo rural.  Porén, ven acollendo vodas e outros eventos desde hai anos. O pasado verán, varias denuncias puxeron á Xunta na pista de edificios patrimoniais que acollían eventos sen as necesarias autorizacións, de maneira irregular.