O alcalde de Oza-Cesuras reclama maior presenza de corpos e forzas de seguridade do Estado

Pablo González Cacheiro (PP) é o alcalde de Oza-Cesuras

O alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González Cacheiro, reclamou á Delegación do Goberno que aumente a presenza de corpos e forzas de seguridade do Estado no municipio, despois de que se producise un roubo a pasada semana, á primeira hora da mañá, nunha administración de lotería do centro urbano.

O rexedor afirmou que tamén se produciron varios roubos en vivendas. Pablo González Cacheiro subliñou que ata o de agora o municipio era un lugar tranquilo e é necesario máis efectivos para que continúe así. Recoñeceu o traballo da Garda Civil pero nestes momentos en que aumentan este tipo de feitos tamén é necesario aumentar a vixilancia e a prevención.