Ferido grave ao saírse da vía co seu coche en Oza

Ata o sinistro desprazouse unha dotación dos bombeiros de Betanzos

Na tarde do pasado sábado resultou ferido de gravidade o conductoer dun turismo que se saíu da vía e batiu cunha farola no lugar da Lamela, no municipio de Oza-Cesuras.

Arredor das seis e cuarto da tarde, segundo informa o 112, un particular alertou á central de emerxencias de Galicia de que había un accidente na estrada DP-2602. Por causas descoñecidas o condutor, de 30 anos, perdeu o control do vehículo, que abandonou a calzada caendo por un desnivel, derrubando unha farola e quedando finalmente detido ao colisionar contra un galpón.

O 112 mobilizou ao GES de Curtis, aos bombeiros de Betanzos, unha dotación da Garda Civil e unha ambulancia do 061. Debido á importancia das feridas o 061-Urxencias Sanitarias mobilizou o helicóptero medicalizado para o seu traslado ao complexo hospitalario.

O equipo de Atestados da Garda Civil instrúe unha investigación para determinar as causas que provocaron que o coche saíse da vía.