A Deputación e o Concello de Oza-Cesuras colaborarán para renovar o firme de estradas en Santalla e Carres

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse co alcalde de Oza-Cesuras, Pablo González Cacheiro, para analizar posibles actuacións de mellora nas estradas provinciais e locais que discorren por Santalla e Carres.

A Deputación levará a cabo en distintas fases obras de renovación do firme na estrada DP 6301 de Serra de Abaixo a Porzomillos, un vial de 5,8 quilómetros de lonxitude que conecta a DP 0106 coa estrada autonómica AC-840 Betanzos-Agoalada.

Actualmente só o tramo que vai dende ao serradoiro ao final da estrada (PK 4+270 ao 5+790) conta con capa de rodadura de mestura bituminosa, mentres que nos 5,4 primeiros quilómetros conta só con tratamento superficial de grava.

González Formoso explicou que a Deputación xa levou a cabo actuacións de mellora no citado vial con cargo ao Plan de Conservación coma a renovación do pavimento nalgúns tramos, accións de rebacheo ou a colocación de 256 metros de bionda de seguridade.

A estrada conecta ao longo do seu percorrido con estradas locais moi transitadas pola veciñanza, polo que o Concello asumirá tamén a mellora destes viais.