Os habitantes de núcleos inferiores a 5000 veciños poden saír sen restriccións horarias desde hoxe

Igrexa de San Martiño de Tiobre cun carballo en primeiro termo. Turgalicia

A veciñanza de Tiobre ou Piadela está de sorte. O goberno español viuse obrigado a rectificar as súas disposicións do estado de alarma no tocante a restriccións horarias. Desde hoxe, Galicia aplicará a mesma política que Asturias, onde a xente que reside en núcleos de menos de 5000 veciños non tiña restriccións horarias. Demandárao o deputado do BNG no Congreso hai uns días, demandouno tamén a Xunta e finalmente, no polo de agora último debate da prórroga do estado de alarma na Cámara Baixa, tras volver poñer o asunto sobre a mesa o nacionalista Néstor Rego, o goberno español accedeu.

O propio presidente comprometeuse co deputado do BNG a aplicar este criterio en Galicia e afirmou que entendía que no caso do noso país o criterio por núcleos ou parroquias era perfectamente posible. Rego explicara na súa intervención no Congreso que a norma non tomaba en consideración o hábitat disperso da Galiza e fixo referencia a isto como exemplo da inadecuación do criterio xeral “á realidade da Galiza con poboación dispersa onde son habituais casos de Concellos que pasan moito dos 5.000 habitantes, mais en que ningún núcleo se aproxima sequera a esa cantidade”. Desde o BNG avalían positivamente esta decisión ao permitir que en pequenos núcleos, especialmente rurais, se poida “saír ás horas máis convenientes con total seguranza”.

A Xunta exixira igualmente ao goberno español aplicar o mesmo criterio que se estaba a aplicar en Asturias, onde a Delegación do Goberno xa avanzara que a excepción das franxas da desescalada se aplicaba a calquera núcleo de poboación separado cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes”.  O goberno galego demandara que Delegación do Goberno en Galicia aplicase esta mesma interpretación da norma e o presidente do Goberno español comprometeuse onte co deputado do BNG Néstor Rego a aplicar este criterio.

Polo tanto, os núcleos de poboación separad os que teñan menos de 5.000 habitantes tamén poderán saír sen restricións horarias a partir de hoxe mesmo e aínda que pertenzan ao mesmo municipio, segundo vén de confirmar o presidente da Xunta. O Goberno español autoriza que nestes núcleos separados que non chegan ás 5.000 veciñas e veciños se funcione como nas poboacións de menos de 5.000 habitantes, onde xa non entraron en vigor as franxas horarias impostas polo Ministerio de Sanidade.

No caso de Betanzos, as disposicións do estado de alarma no tocante a horarios e restriccións mantéñense, pois, para a capital municipal, mentres que os veciños dos diferentes núcleos rurais diseminados polo término municipal poderán beneficiarse desta interpretación. Na comarca, o resto dos concellos poderán acollerse, agás Sada, coas mesmas condicionantes que Betanzos.