Os concellos reforzan os servizos sociais e impulsan o voluntariado

Os concellos e entidades benéficas da comarca fan fronte común para colaborar coas persoas máis vulnerables na crise do coronavirus. Nalgúns concellos anuncian reforzos no servizo de axuda no fogar, noutros, multiplícanse os programas e iniciativas para atender ás persoas que viven soas. Vexamos as medidas dalgúns concellos da nosa comarca:

Abegondo. O Concello abegondés mantén o servizo de axuda a domicilio “ao 100%”. Dous usuarios, con todo, pediron a suspensión do servizo, sinala o Concello, quen incide en que os traballadores dispoñen de medidas de protección como máscaras ou luvas.

Bergondo. O Concello creou un dispositivo de voluntariado dirixido a atender a persoas en situación vulnerable, maiores, dependentes e persoas con dificultades respiratorias, para axudarlles en xestións como facer a compra, ir á farmacia ou falar por teléfono con eles. Os interesados en ser voluntario ou en solicitar este servizo poden chamar ao 981.791.252, extensión 3. Protección Civil ofrece un servizo de 24 horas para casos de urxencia ou extrema necesidade.

Betanzos. O Concello aprobou por decreto manter ao 100% o servizo de axuda no fogar de atención a dependentes e estudará as prioridades no resto dos casos “baixo estrito criterio técnico”. O Concello poñerá en marcha en colaboración con Cruz Vermella un programa para atender ás persoas “que o necesita e vive soa”.

Sada. Mantén o servizo de axuda no fogar e impulsou un servizo de voluntariado para axudar ás persoas máis afectadas pola crise do coronavirus. Hai xa 27 persoas apuntadas. O Concello pediu ademais aos veciños que lles informen se detectan a algunha persoa que precise atención e difunde na súa web e en carteis os teléfonos aos que dirixirse.