Os 19 de Meirás voltan ao xulgado de Betanzos mañá

Concentración en apoio aos 19 de Meirás no Campo coa faixa que se despregara na ocupación simbólica do Pazo

Catorce persoas máis terán que desfilar polo banco dos acusados dos xulgados betanceiros o vindeiro xoves, a causa da denuncia interposta pola familia do dictador Francisco Franco e a fundación que fai apoloxía dos seus feitos por despregar dúas faixas nas Torres de Meirás un día de visitas públicas ao monumento a causa da súa catalogación como ben de interese cultural.

Unha parte dos coñecidos como 19 de Meirás xa tiveron que declarar a causa esta denuncia o pasado 28 de setembro. Arroupounos naquela altura unha concentración ás portas do antigo Hospital de San Antonio, reconvertido en pazo de xustiza betanceiro, e unha declaración do Concello de Betanzos promovida polo BNG no pleno dous días antes, da que se apartou o PP.

Aquel día, o voceiro dos 19 de Meirás, Néstor Rego, explicou que “hai un ano, un grupo de galegos e galegas, demócratas, militantes nacionalistas, sindicalistas, activistas sociais, culturais e da memoria, realizamos unha acción pacífica e simbólica, que consistiu en despregar dúas faixas da fachada principal do Pazo de Meirás. O obxectivo desta acción simbólica e pacífica foi reactivar o debate social e político sobre a recuperación do Pazo, metelo na axenda política galega e obrigar ás institucións públicas a se manifestar ao respecto. Se hoxe se fala tanto de Meirás, da Casa Cornide, das estatuas de Abraham e Isaac é grazas a accións como está, o que demostra a súa utilidade e necesidade” indicou.

No que atinxe á denuncia formulada pola familia Franco, desde os “19 de Meirás” sinalan que “é unha barbaridade do punto de vista tanto político canto xurídico. Mais unha vez, estase a tentar criminalizar o exercicio do dereito democrático á liberdade de expresión, un feito que consideramos en si grave e inadmisíbel” indican. Rego precisou que “é o mundo ao revés. En pleno 2018 o franquismo está pedindo até 13 anos de prisión para quen defende a democracia e a memoria histórica”.

Néstor Rego sinalou que “a demanda de que o Pazo de Meirás pase a ser patrimonio do pobo galego é algo compartido maioritariamente pola sociedade galega” dixo, e, engadiu, “non hai só que sacar os restos de Franco do Val dos Caídos, senón que hai que sacar os restos do franquismo de todos os ámbitos nos que aínda perduran, como acontece co caso do Pazo de Meirás. É necesario e é posíbel que o Pazo de Meirás pase a ser patrimonio público, só é cuestión de vontade política” concluíu.

Nova concentración no Cantón de San Roque

Coma o pasado 28 de setembro, os 19 de Meirás non acudirán sós ao xulgado betanceiro. Unha concentración, convocada para as 11:30 h, arrouparáos desde o exterior do edificio. Un manifesto con arredor de 3000 apoios individuais e duas deceas de concellos apoia a estas persoas, entendendo que se trata dun tema de dereitos civís.

Desde o ámbito internacional, ademais de varias declaracións de eurodeputados e do propio Parlamento Europeo, destaca o apoio de organizacións sindicais e federacións sindicais de ámbito internacional, ademais de de países como Arxentina, Chipre, Portugal ou Guiné Bissau, ademais da totalidade dos partidos nacionalistas do estado español e de outras nacións europeas.