O xulgado ordena anotar a demanda por Meirás no Rexistro da Propiedade

Ocupación simbolica de Meirás demandando a súa devolución

O Rexistro da Propiedade de Betanzos terá que facer unha anotación preventiva nos seus arquivos sobre o Pazo de Meirás. O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña acordou ordenar realizar esta anotación preventiva co contido da demanda presentada pola Avogacía do Estado contra a familia Franco pola propiedade do Pazo de Meirás.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a resolución é consecuencia das medidas cautelares que o Estado solicitaba adoptar coa demanda, que reclama a devolución do Pazo de Meirás ao considerar que se produciu unha fraude na súa adquisición mediante unha venda simulada.

A anotación da demanda no rexistro supón unha dificultade para a venda do pazo, que os Franco xa tentaron a través dunha empresa inmobiliaria especializada en propiedades de luxo. Supón unha advertencia aos posibles interesados da adquisición do edificio, xa que no caso de que se demostre a adquisición ilegal por parte do dictador a propiedade pasaría a mans do Estado.

O BIC garante o dereito de tanteo da Xunta nunha hipotética venda

O Pazo de Meirás está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC), unha calificación á que se opuxo a familia do dictador cando o promoveu o goberno do BNG en Sada e a impulsou o bipartito na Xunta. O PP, naquela altura, tamén puxo proa a catalogar o inmoble e o executivo Feijóo, durante un tempo, consentiu que os Franco non abrisen a finca os días que a Lei obriga.

Esta catalogación coma BIC permite a Xunta exercer o dereito de tenteo e retracto para igualar unha posible oferta e adquirir a propiedade de forma preferente. Isto obrigaría a que o Goberno galego fose informado de calquera intento de comprar o pazo, aínda que ata o pasado mes de abril, cando a inmobiliaria retirou o anuncio de venda sen dar explicacións sobre esta decisión, a Xunta descoñecía a existencia de propostas de compra.