O xulgado cita aos Franco e ao Estado para buscar acordo na demanda para recuperar Meirás

Ocupación simbolica de Meirás demandando a súa devolución

O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña fixou a audiencia previa ao xuízo sobre a titularidade do pazo de Meirás para o 31 de xaneiro de 2020 ás 10.00 horas, informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Segundo informou EFE, a audiencia ten como obxecto tentar alcanzar un acordo ou transacción entre as partes intervenientes na causa derivada do proceso iniciado polo Estado o pasado mes de xullo para reclamar á familia Franco a propiedade do pazo de Meirás.

O pasado 11 de setembro foron incorporados ao proceso a Xunta de Galicia e o Concello de Sada en calidade de parte coadxuvante, decisión que foi posteriormente recorrida polos Franco. Na audiencia do próximo 31 de xaneiro, segundo indica a letrada na resolución, examinaranse as cuestións que poidan impedir o seguimento do proceso e fixarase “con precisión” o obxecto do preito e “os extremos de feito e de dereito sobre os que exista controversia”.

Ademais, durante a mesma poderase propoñer e admitir proba e examinar “as cuestións que, con carácter excepcional, a lei prevé que poidan exporse”. Así mesmo, as partes teñen a posibilidade de recorrer a unha negociación para tentar solucionar o conflito, “incluído o recurso a unha mediación” e nese caso deberán informar na mencionada audiencia da súa decisión e explicar as súas razóns. Contra a resolución cabe presentar recurso de reposición nun prazo de cinco días.