O PP négase a votar que Sada se persoe na querela para devolver Meirás

Concentración en apoio aos 19 de Meirás no Campo durante a súa declaración no xuízo promovido polos Franco

O PP negouse onte a votar, no pleno do Concello de Sada, a moción para que o municipio se persone na demanda pola devolución do Pazo de Meirás. Os argumentos para evitar apoiar o acordo foron un tanto peregrinos, xa que aseguraban que o acordo adoecía de falta de información sobre a repercusión xurídica e os custos que podería significar para Sada a súa participación no proceso.

A dereita cuestionou a necesidade mesma de que o Concello no que se asenta o inmoble sexa parte da causa xudicial. “Que intereses dos veciños de Sada non están representados e que é necesario preservar?” chegou a cuestionar a voceira do PP argumentando que a demanda xa está “suficientemente reforzada polo Estado e a Xunta”.

O PP negou, ademais, que o tema sexa relevante a nivel local e exhortou a “deixar traballar” á Xustiza argumentando que hai temas “máis importantes” na localidade, sinalando a praia, a falta de estacionamento ou o deterioro da cafetería do Náutico.

O resto da Corporación obviou a negativa do PP a votar o acordo e deulle o seu respaldo, por entender que dado que as torres de Meirás están en Sada o lóxico é que o Concello esté presente no litixio. Ademais, reprobaron que a voceira do PP votase a favor de que a Xunta sexa parte da demanda pola devolución do Pazo de Meirás no Parlamento de Galicia- xa que é deputada- pero se negue a votar o mesmo acordo en Sada.

O goberno local lembrou ademais que o Concello formou parte das dúas comisións de expertos para trazar a estratexia xudicial para recuperar este ben, propiedade dos herdeiros do ditador Francisco Franco.