O PP arremete contra os concellos de Sada e Paderne pola falta de saneamento

Os candidatos do PP na comarca: o de Paderne é o segundo pola esquerda

Como se a Xunta non fora a responsable directa da rexeneración das rías galegas e do saneamento das augas que van parar ao mar, o PP enviou senllos comunicados apuntando a concellos que non goberna como responsables da contaminación fecal na ría de Betanzos. Onte o PP de Sada afirmaba que as analíticas das augas deste verán “non só superan con moito os do histórico das Delicias, senón que son os peores de Galicia”.

O PP asegura que, segundo o histórico da Consellería de Sanidade, con datos desde 2008, As Delicias superou en sete ocasiones o máximo de escherichia coli (1000). En 2009 (1240), en 2010 (1040), ata tres veces en 2014 (1300, 1100 e 1200), e outras dúas en 2016 (2000 e 1300). Neste verán, asegura o PP de Sada, “superáronse todos os rexistros de forma escandalosa, e ata seis veces superouse o límite máximo, dos cales cinco como mínimo duplícano (2000)”. Din que “nunca antes deuse esta situación” en Sada.Denuncioan que a Xunta non considera o resultado do 29 de agosto de 2016 (1300), “e clasifica en 2017 as augas de baño como Excelentes ao prescindir dunha plumada de todos os resultados negativos”.

En Paderne, pola súa banda, Pedro López Ríos (PP) aseguraba antonte que o “Paraíso entre ríos” é precisamente o Concello que máis verte á ría. Acusou ao alcalde, César Longo (PSOE) de ser o responsable de que Paderne sexa o único municipio “de todo o golfo Ártabro” que non adoptou medidas de saneamento e denuncia que “case a totalidade dos vertidos que xenera o concello terminan directamente e sen ningún tratamento na ría de Betanzos”.

“Somos unha vergoña para a comarca” asegura Pedro López Ríos, nun comunicado remitido polo PP padernés. Asegura que Paderne é “un municipio tóxico para o medio ambiente da zona” ao tempo que urxe a construír unha EDAR en Paderne, para o que asegura que a Xunta ten a man tendida ao consistorio.