O Pleno de Abegondo oponse á subestación eléctrica

Os grupos da Corporación de Abegondo votaron en contra do proxecto de construción dunha subestación eléctrica que promove Rede Eléctrica no seu territorio. Os trámites desta actuación remóntanse a 2016 e o alcalde, José Antonio Santiso Miramontes, mantivo recentemente unha reunión con responsables de Rede Eléctrica, que lle informaron da alternativa seleccionada finalmente. O Pl eno súmase así á oposición que o BNG e Foro veciñal manifestaran xa hai dous anos cando se tivo coñecemento deste proxecto.

A actuación exposta suporía a construción da subestación nunha superficie de catro hectáreas, afectando á parroquia de Folgoso. As torretas terían unha altura de 50 metros. Rede Eléctrica argumenta que esta opción é a máis viable tecnicamente e defende que é o trazado adecuado para conectar a liña das Pontes coa cidade da Coruña, principal finalidade, a pesar de que supón un percorrido longo.

O alcalde cuestiona as súas conclusións e trasladou á empresa a súa “oposición tallante” ao proxecto. Santiso Miramontes afirma que utilizará “todos os medios xurídicos e políticos posibles” para que a empresa rectifique e minimice o impacto da actuación. No último pleno ordinario, todos os grupos apoiaron a postura do Goberno local e avanzaron a súa intención de presentar alegacións conxuntas.

O proxecto de Rede Eléctrica afecta a varios municipios e provocou desde o primeiro momento protestas, chegando a constituírse unha plataforma de afectados. A liña de alta tensión percorrerá os concellos de Abegondo, Culleredo, Carral, Arteixo, Cerceda e A Coruña, co municipio abegondés como maior afectado, debido a que é na parroquia de Folgoso onde se prevé unha subestación de entre 4 e 8 hectáreas con opción a ampliacións futuras.

A alternativa seleccionada pola compañía sairá nos próximos días a exposición pública para someterse ao preceptivo trámite de impacto ambiental.