O pleito dos Franco contra os “19 de Meirás” abandona o xulgado de Betanzos para ir ao Supremo

Concentración en apoio aos 19 de Meirás no Campo durante a súa declaración no xuízo promovido polos Franco

A Fundación Francisco Franco e a familia Franco sentaron no banco dos acusados aos 19 participantes nunha protesta “simbólica e pacífica” segundo a definen os denunciados. Acusados entre os que figura Néstor Rego, actual deputado do BNG no Congreso dos Deputados, polo que goza da condición de aforado. Rego, que foi elixido deputado ano e medio despois dos feitos que os Franco denunciaron, non pode ser procesado no xulgado de Betanzos, polo que este tivo que inhibirse e remitir a causa ao Tribunal Supremo, único que pode xulgar aos deputados.

O auto do Xulgado de Instrución nº2 de Betanzos é claro: a causa é indivisible, así como as súas acusacións, xa que a denuncia da Fundación e os Franco non distingue entre denunciados, atribuíndo a realización dos presuntos delitos imputados na denuncia a todas as persoas participantes- os denominados “19 de Meirás”– de forma conxunta. Así, o xulgado acordou a “inhibición da causa” a favor do Tribunal Supremo.

Desde a plataforma denuncian que a denuncia “tenta criminalizar o exercicio ao dereito democrático á liberdade de expresión, un feito que consideramos en si grave e inadmisible”. “Os herdeiros dun ditador que co seu réxime trouxo ao noso país o terror durante máis de 40 anos nunha cruel e asasina ditadura, están agora pedindo ata 13 anos de prisión para quen defende a democracia e a memoria histórica”, critican os denunciados.

“Estamos orgullosas e orgullosos do que fixemos, e, aínda considerando que este proceso xudicial é un sen sentido, estamos dispostas e dispostos a enfrontalo” expresan desde a plataforma. O papel de Néstor Rego, voceiro da plataforma, nesta causa é fundamental para que esta pase ás salas do Supremo.

Malia o cambio de tribunal, o deputado do BNG sigue manténdose firme na súa reivindicación. “Con independencia de que sexa un despropósito (a causa), todas as persoas que participamos estamos moi orgullosas dunha acción que contribuíu de maneira decisiva a que a loita que durante moito tempo moitas persoas para a devolución do patrimonio roubado polos Franco alcanzase unha nova dimensión, movese cousas no ámbito político como consecuencia da repercusión mediatica que tivo, provocase unanimidade no Parlamento de Galicia, que se elaborasen senllos informes xurídicos pola cámara galega e pola Deputación da Coruña, e que hoxe o propio Goberno central teña presentada unha reclamación na demanda xudicial por medio de Patrimonio do Estado para recuperar o Pazo de Meirás”.

Deste xeito, desaparecerán do Campo as concentracións en apoio aos “19 de Meirás” cada vez que teñen que vir declarar ao Pazo de Xustiza do Hospital de San Antonio e, de algún modo, o nome da cidade queda desligado dunha causa cuestionada internacionalmente.