O Plan Único da Deputación financia xa 551 obras este ano nos concellos da provincia

Xosé Regueira (esquerda) e Valentín Formoso, vicepresidente e presidente da Deputación respectivamente

A Deputación ven de aprobar un novo paquete de 223 obras que se executarán nos concellos da provincia con cargo aos fondos adicionais do Plan Único (POS+2019), e que supoñen unha inxección económica extra de 22,7 millóns de euros dentro dos 100 millóns consignados no orzamento do plan para o presente ano.

Os proxectos engádense aos 328 xa aprobados por unanimidade no pleno da Deputación o pasado mes de abril, sumando así un total de 551 obras que os 93 concellos coruñeses poderán acometer este ano con fondos do plan.

O goberno provincial cumpre así o seu compromiso ampliar progresivamente o orzamento do Plan Único ao longo do exercicio, facendo que os municipios coruñeses reciban da Deputación o maior investimento por concello das catro provincias galegas e un dos maiores de España.

Construción de parques infantís, obras de humanización de rúas e espazos públicos, melloras en centros educativos ou deportivos, creación de xardíns e zonas verdes, obras de pavimentación, saneamento e abastecemento de auga en núcleos rurais ou sistemas máis eficientes de alumeado público son algunhas das obras que financiarán os concellos coruñeses con esta achega adicional do POS+2019.

Obras que contribuirán a “mellorar as infraestruturas, a calidade de vida e a economía dos concellos coruñeses”, segundo explica o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que destacou a importancia de que o reparto dos fondos estea baseado en criterios obxectivos (poboación, superficie, número de parroquias e esforzo fiscal) e de que sexan os propios concellos os que deciden en que queren investir os fondos que lles achega a Deputación.

Previsión de superar as 700 obras este ano

Desglose do plan

O POS+2019 conta aínda con outros 16,2 millóns de fondos adicionais que se destinarán integramente ao financiamento de obras financeiramente sostibles nos concellos da provincia e que se aprobarán en pleno a finais deste ano, polo que se estima que o número de obras do Plan Único podería superar as 700 ao remate do exercicio.

Ademais de permitir a execución de todas estas obras, o Plan Único destina ademais este ano un 20% do ser orzamento (19 millóns de euros) ao sostemento de servizos públicos esenciais coma o alumeado público, a recollida de lixo e a limpeza viaria en 80 concellos coruñeses que decidiron destinar parte dos fondos a gasto corrente; achega 1,2 millóns á redución da débeda dos municipios e algo máis de un millón de euros a axilizar os pagos a provedores.

Dende a súa creación en 2017, o plan permitiu a execución de 1.697 obras de construción ou mellora de infraestruturas públicas, contribuíu a reducir a débeda dos municipios coruñeses en 10,7 millóns e permitiu aos concellos axilizar o pagamento de máis de 7,8 millóns aos seus provedores, contribuíndo así a sanear as economías municipais.

Un novo concepto de Plan Provincial

O POS+, o Plan Único da Deputación coruñesa, é un novo concepto de Plan Provincial de Obras e Servizos proxectado polo BNG e incluído como condición no pacto de goberno para a institución provincial xa na pasada lexislatura. O Plan Único garante a autonomía local e permite que os concellos decidan como gastar a axuda, unha vez cubertas as débedas. Ademais, une todos os plans condicionados que ata a altura tiña a Deputación, sumando todos os cartos e poñéndoos a disposición dos municipios sen condicionantes.

Así o explica o artítifice do POS+ como deputado de Plans e actual vicepresidente: